Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chega o San Xoán cheo de música,...

A PREGOEIRA SERÁ A XORNALISTA EDELMIRA RODRÍGUEZ

Chega o San Xoán cheo de música, deporte, citas culturais e con nomes como Carlos Baute, Sex Museum, El Combo Dominicano ou Abba

Luns 6 de xuño do 2016

Rolda de prensa

Presentación do programa no Pazo da Cultura

Carballo xa está vestido coas galas do San Xoán, agardando pola semana grande, entre o 22 e 26 de xuño, que concentra a maior parte das citas, pero tamén cun mes cheo de actividades musicais, deportivas e culturais organizadas polo Concello e polo movemento asociativo do municipio. Nomes como Carlos Baute, Abborn -tributo a Abba chegado da República Checa-, Sex Museum, El Combo Dominicano ou o da pregoeira, a xornalista carballesa Edelmira Rodríguez Carracedo, son só algúns dos alicientes dun programa que, segundo explica a Concelleira de Festas, Mar Eirís, "pretende manter o atractivo e a calidade para que a xente veña a visitarnos", "que haxa diversión" e "fomentar a actividade económica" en Carballo.

O cartaz foi deseñado por Juan Diego Ingelmo Benavente, un deseñador gráfico afincado en Castellón que gañou o concurso dotado con 450€

O Alcalde, Evencio Ferrero, subliñou tamén o atractivo das festas, "as máis importantes da Costa da Morte en canto a retorno económico". Ao igual que Eirís e que a presidenta da Comisión de Festas, María José Souto, quixo agradecer a colaboración dos anunciantes e patrocinadores e de todas as persoas que axudan na elaboración do programa, e especialmente felicitou á comisión "que leva moito tempo traballando" para facer posible todas as citas do mes de xuño. Especialmente tivo verbas para Belén Enríquez, de Optical¡a, presente para entregarlle simbolicamente o premio patrocinado pola súa óptica ao gañador do concurso do cartel deste ano Juan Diego Ingelmo Benavente, deseñador gráfico asturiano afincado en Burriana (Castellón). Non puido asistir en persoa pero a el chegarán os 450€ do galardón.

A pregoeira: unha xornalista carballesa

A encargada do pregón, que terá lugar, como vén sendo tradicional, o 22 de xuño, xerá a xornalista Edelmira Rodríguez Carracedo, natural de Sofán e agora directora de Antena de Castela-A Mancha Televisión que desempeñou distintos cargos en TVE e Telecinco, neste último caso como subdirectora de programas. Mantense así a tradición de escoller a unha persoa de Carballo, relevante polo seu labor profesional, como a encargada de abrir o programa da semana grande.

O Alcalde, Evencio Ferrero, foi o encargado de debullar a súa traxectoria, "unha carreira profesional de prestixio", "unha persoa que ten altas responsabilidades no mundo da comunicación" e que serve para coñecer mellor a historia de Carballo, unha historia na que "reivindicar o que nos é propio".

Abborn: tributo a Abba

Abborn veñen de Checoslovaquia

Abborn veñen da República Checa

Xunto coa pregoeira, faltaba por desvelar o nome do grupo responsable do segundo gran concerto do San Xoán. Será o sábado 25 a partir das 0.00 horas con Abborn, unha das mellores bandas tributo a Abba que presentan o espectáculo musical Dancing Queen coas mellores cancións do mítico grupo. Un espectáculo que conta co recoñecemento legal da banda orixinaria e que todos os veciños e veciñas poderán gozar na Praza do Concello.

Tamén hai que subliñar a presenza de Desastronauts Circo Expreso, unha compañía de circo-teatro que chega na tarde do domingo 26 para animar aos máis cativos e cativas. Ofrecen o espectáculo "Un día de playa", cheo de enerxía, adrenalina e acción. Un show que combina trapecio, corda e hula-hoops con humor e amor. Un espectáculo moi visual e cunha bonita estética.

Carlos Baute, El Combo Dominicano ou a Festa do Bosque

Abborn e o nome da pregoeira eran as últimas novidades que faltaban por desvelar respecto do programa da semana grande. O resto das citas xa son ben coñecidas polos carballeses e carballesas: o Rockin' con Sex Museum como cabeza de cartel o venres 17, o comezo oficial das verbenas o día 11 con El Combo Dominicano, a celebración da Festa do Bosque o 3 de xuño... Todo para que "a xente veña a Carballo a mercar e a consumir", segundo resalta o Alcalde, Evencio Ferrero, e tamén para divertirse e pasalo ben coa familia e cos amigos.

Feliz San Xoán!

Descargas

Novas relacionadas



Galería

Compartir: