Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un Congreso en Carballo con nomes como Sergi ou...

BALNCE POSITIVO DE ASISTENTES E ORGANIZACIÓN

Un Congreso en Carballo con nomes como Sergi ou Vicente Miera para profesionalizar o fútbol galego

Luns 6 de xuño do 2016

Un momento da apertura do congreso

Un momento da apertura do congreso

Tremendamente satisfeitos quedaron organización e asistentes despois do I Congreso de Fútbol Concello de Carballo que tivo lugar entre o 3 e o 5 de xuño no Pazo da Cultura. Uns 125 adestradores de toda a península puideron aprender do mellor do mellor do fútbol español sen saír da Costa da Morte. Chegou xente de Valencia, Barcelona, León, Asturias, Las Palmas, Ourense, Vigo, etc. para tomar nota das doce ponencias.

Boa presencia na xornada do venres nun Pazo da Cultura cheo de persoeiros, entre os que cómpre destacar a presenza de todo un campión olímpico e historia viva do Fútbol español, como Vicente Miera, que asistiu a cada unha das ponencias, e ata ás ceas da organización.

Máis de 130 adestradores de toda España asistiron a Carballo para aprender cos mellores expertos en fútbol

Preparación física, psicolóxica, estratexia, análises, experiencias internacionais, e defensa, moita defensa. Estes foron os temas dun Congreso que tratou de abranguer todas as disciplinas do deporte rei. Sergi Barjuan e Paulo Noga abriron o venres o ciclo de faladoiros. Impresionante o do coordinador de base do Oporto, demostrando unha estrutura completísima dunha canteira que tantos froitos dá. Paulo, ademais, demostrou unha categoría humana e unha capacidade de trasmitir fantástica.

A xornada sabatina arrincou coa primeira viaxe internacional do Congreso. Albert Roca e Carles Cuadrat leváronnos ata El Salvador, onde ambos estiveron ao mando da selección nacional.

Víctor Paredes: unha das mellores sesións

Vicente Miera ou Sergi asistiron ao Congreso

Vicente Miera ou Sergi asistiron ao Congreso

Unha das mellores ponencias, segundo os asistentes, foi a de Víctor Paredes. O preparador físico do Rayo Vallecano interactuou cos adestradores falando de prevención de lesións, e mesmo se puxo á dispoñibilidade de cada un. José Molina estreábase enriba do estrado e explicou o seu programa de traballo na transición ataque-defensa no Villareal e no Kitchee de Hong Kong.

En clave de coaching deportivo falou a psicóloga Amalia Revuelta, que coa súa simpatía e bo facer no escenario foi quen mesmo de facer “case bailar” aos adestradores.

Media tarde do sábado e chegaba unha das ponencias máis esperadas, a do director do Congreso, Juanjo Vila. O “mestre” de moitos dos que estiveron aí arriba debullou a importancia da orientación defensiva, facendo alusión ao que foi o seu mentor, Xulio Díaz, un dos adestradores máis recoñecidos deste país.

Como Manu Sotelo, toda xa unha eminencia en materia de gardamallas. O adestrador de porteiros do Deportivo de A Coruña fixo interactuar aos asistentes, para falar do que acontece non só dentro, senón fóra da área. Un luxo poder escoitalo e telo tan preto de nós. Pechábase a xornada do sábado con outra viaxe. Desta volta a Kiev, con Raúl Ruíz para analizar como chegou a revolución ao Dinamo de Kiev para poder competir co poderoso Shartak.

Excelente xornada de peche

Aínda quedaban 3 ponencias para o domingo. Comezaba Francisco Sánchez, analista do Atlético de Madrid, que explicou cousas tan interesantes como que para a final da Champions analizou co seu equipo preto de 5400 xogadas do Madrid, para achegarlle información aos xogadores sobre características de cada futbolista rival. Espectaculares as ferramentas que utiliza.

Tamén viaxamos a Angola, para que Toni Cortés nos contase como leva unha estrutura baseada na súa experiencia en Barcelona, para a creación da privada Academia de Fútbol de Angola. Interesantísimas esas imaxes de como unha aposta deportiva pode infliur tanto na vida dos rapaces da capital angoleña, onde o fútbol é toda unha paixón.

E pechou o Congreso Carlos Inarejos, colaborador de Fútbol Táctico, falando de periodización táctica, unha charla para os máis “frikis” do auditorio.

Despois do bo sabor de boca, a organización xa está pensando na celebración dunha nova edición. Así que... deica o ano!

Compartir: