Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde para a contratación da...

ADXUDICADO O SERVIZO DE ALUGUER DE PÁ E CAMIÓN

Luz verde para a contratación da reurbanización da rúa Vila de Noia e para o servizo de limpeza e desbroce de cunetas no municipio

Luns 6 de xuño do 2016

Ardaña

Vías en Ardaña

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar o contrato para emprender as obras de "Reurbanización da Rúa Vila de Noia" e o contrato de servizos de "Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas nos viais das parroquias de Carballo". No primeiro caso, trátase dun proxecto incluído no Plan Provincial de Aforro e Investimentos (PAI) da Deputación da Coruña e o orzamento de licitación ascende a 122.184,90 euros. Entre os criterios de valoración terase en conta a oferta económca (ata 40 puntos) ou o control de calidade e o programa de traballo.

O prezo base de licitación anual para o contrato da limpeza e mantemento de cunetas é de 58.500 euros

No caso do contrato do servizo de "Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas nos viais das parroquias de Carballo" o orzamento base de licitación ascende a 234.000 euros (IVE incluído) por un período de tres anos con unha prórroga anual. O custo do contrato por anualidade sería de 58.500 euros. O criterio único de adxudicación neste caso será o factor prezo.

No apartado de contratación a sesión tamén serviu para adxudicar o contrato administrativo de servizos de "Aluguer de pá e camión, con condutor, para diversos departamentos municipais". A hora de pá (IVE incluído) será de 29,75 euros (sobre un prezo de licitación de 42,35), mentres que a hora de camión será de 32,00 euros (sobre un prezo de licitación de 48,40 euros).

A empresa responsable será Arines Obras y Proyectos SL con domicilio social en Santiago de Compostela.

Convocatoria de subvencións para entidades deportivas

A orde do día incluíu a aprobación da convocatoria de Subvencións dirixidas a entidades deportivas para o financiamento de organización e participación en fases finais de ascenso a competicións nacionais e campionatos de España; para o financiamento de organización de eventos deportivos e actividades deportivas de carácter extraordinario; e para o financiamento de actividade xeral durante o ano 2016.

No apartado de convenios, a Xunta de Goberno supuxo luz verde para un acordo coa Asociación Solidariedade Galega co pobo Saharauí para o desenvolvemento do programa Vacacións en paz 2016, que permitirá que rapaces e rapazas do Sáhara pasen unha estadía con familias de acollemento en Carballo durante o próximo verán.

Compartir: