Inicio Carballo ao día Hemeroteca As Escolas de Verán de Balonmán...

AMPLÍANSE OS HORARIOS DE 10.00 A 14.00 HORAS

As Escolas de Verán de Balonmán Xiria ofertan 250 prazas para o desenvolvemento de actividades deportivas e culturais en xullo e agosto

Luns 6 de xuño do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación

As Escolas Deportivas e Culturais de Balonmán Xiria cumpren 23 anos ofertando actividades de lecer para nenos e nenas durante os meses de verán. Hai dispoñibles 250 prazas para nenos e nenas nacidos entre 2002 e 2012 (inclusives) que poderán realizar talleres de audiovisuais, de artes plásticas, de lectura e, sobre todo, practicar moito deporte entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. Este ano, ademais, amplíanse os horarios de 10.00 a 14.00 horas, en verbas de Marcos Rodríguez, de Balonmán Xiria, para facilitar a cada vez máis difícil conciliación das nais e pais. Ademais, coa colaboración de Xolda, será posible tamén deixar aos nenos e nenas, pagando un suplemento, a partir das 7.00 horas, coa opción de incluír o almorzo.

Este ano o horario de atención será de 10.00 a 14.00 horas, e mesmo pode ampliarse de 7.00 a 14.00 horas coa colaboración de Xolda

Dende Balonmán Xiria quixeron expresar o seu agradecemento á comunidade educativa do CEIP Fogar, que permite o desenvolvemento das actividades. Marcos Rodgíguez tamén avanzou que este ano se fará fincapé en dar "un paso máis" para que todas as actividades estean relacionadas, e que continuará a colaboración co Horto Infantil Ecolóxico Municipal coa realización dalgunhas sesións nas instalacións da rúa Nardos.

Inscricións até o 22 de xuño

O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo felicitar a Balonmán Xiria pola iniciativa e ao CEIP Fogar pola súa colaboración, e subliñou o éxito que teñen as escolas, que cada ano esgotan todas as prazas, especialmente para a quenda do mes de xullo cunha "excelente resposta da sociedade carballesa".

As inscricións poden formalizarse até o 22 de xuño nas oficinas de Carballo Deporte, na rúa Vila de Corcubión, s/n. Máis información no enderezo electrónico: <escolasveranxiria@gmail.com>.

Ligazóns

Compartir: