Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo celebra entre o 9 e o 12 de xuño...

EXHIBICIÓN NA PRAZA DO CONCELLO: SÁBADO 11 ÁS 19.30 HORAS

Carballo celebra entre o 9 e o 12 de xuño a súa festa grande da capoeira coa presenza do pentacampeón de Europa, Profesor Ator

Xoves 9 de xuño do 2016

Rolda de prensa

Un momento da rolda de prensa na Casa do Concello

A Asociación de Capoeira Bergantiños, Abadá Capoeira -con sede en Carballo- celebra estes días, entre o 9 e o 12 de xuño, o seu festival, unha cita que serve ao mesmo tempo para pechar o curso, como festa de graduación, como un momento especial para practicar a disciplina e tamén como exhibición, para achegar esta arte brasileira espectacular a todos os veciños e veciñas. Este ano, ademais, a asociación conta cun convidado moi especial, o pentacampeón de Europa, dous veces campión do mundo e 4º clasificado no campionato do mundo celebrado este ano en Guimaraes, o primeiro de nacionalidade non brasileira, Daniel Sierra. Entre os capoeiristas é coñecido como Profesor Ator, e ten unha espectacular traxectoria dende que comezou a súa andaina nas competicións en 1998.

Veñen a Carballo expertos e instructores chegados de Brasil, Bruxelas, Barcelona, Madrid, Oporto, Vigo ou Niza

Con el estarán expertos e instructores chegados dende Brasil, Oporto, Vigo, Bruxelas ou Niza, ademais de Madrid e Barcelona, e, por suposto, a agrupación Abadá carballesa como anfitrioa. Escoitando a Daniel Sierra -nacido en España pero criado en Brasil- podemos comprender o seu entusiasmo pola capoeira, xa que a practica dende 1992, cando coñecedu a disciplina na Expo de Sevilla e aínda non era coñecida, con tan só dous profesores en España. Dende que entrou nas competicións en 1998 ten estado en 18 europeos e 12 mundiais e explica que está encantado de vir a Carballo a apoiar este deporte, xa por cuarta ocasión. "Cando veño síntome na casa", asegura. Visita Carballo con outros sete alumnos seus para completar o grupo de entre 70 e 80 persoas que estarán convivindo en Razo durante os catro días que dura o festival.

Programa de actividades

O xoves 9 comezan oficialmente as citas do festival coa celebración da rolda de benvida no Pazo da Cultura na sala de exposicións do 3º andar a partir das 18.30 h. Xa o venres pola mañá o Fórum Carballo é o encargado de acoller varias clases entre os participantes, mentres que pola tarde estarán en Razo onde practicarán surf na praia e tamén practicarán capoeira en Art Surf Camp. Xa o sábado, ademais de practicar máis surf e capoeira, a rolda de exhibición está prevista para as 19.30 h. na Praza do Concello. Trátase dunha cita divulgativa para difundir "a nosa arte, patrimonio inmaterial da humanidade dende hai tres anos", explica Alejandro "Patas", da agrupación carballesa. A cita remata o domingo a partir das 11.00 no Pazo da Cultura coa graduación, a troca e batizado de cordas.

Os instructores animan a todo o mundo a que probe a practicar a capoeira, xa que non é tan difícil e poden practicala persoas de 3 a 99 anos

Quen non coñezan esta disciplina, que ten algo de deporte, algo de música, algo de baile, algo de cultura e que bebe de moitas tradicións de orixe brasileira, ten estes días unha oportunidade inmellorable para facelo, e a asociación anima a todas as persoas interesadas a que se acheguen para aprender un pouco sobre a capoeira, xa que, aínda que pareza difícil, pola espectacularidade das exhibicións, tamén poden practicala as persoas que o desexen, de 3 mesmo até 99 anos, subliñan Ator e Patas.

O Alcalde, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixeron apoiar esta iniciativa, o primeiro "encantado de que un lugar como Carballo siga sendo referente en diferentes actividades". Explica que disciplinas como a capoeira tamén teñen "o apoio municipal", xa que todos teñen dereito a practicar o deporte que máis lles axeite aínda que sexa "máis ou menos minoritario". Por iso, amosou a súa satisfacción de que "Carballo tamén se vexa reflectido nestas actividades".

Compartir: