Inicio Carballo ao día Hemeroteca Comezan os traballos para substituír a...

AS OBRAS INCLÚEN A INSTALACIÓN DE LUMINARIAS LED

Comezan os traballos para substituír a cuberta do Pavillón Vila de Noia da capital municipal por un importe de 216.000 euros

Venres 10 de xuño do 2016

Os andamios xa están colocados no pavillón

Os andamios xa están colocados no pavillón

Esta semana veñen de comezar os traballos do contrato de obras de "Substitución de cuberta de pavillón polideportivo municipal na rúa Vila de Noia" por un importe de 216.246 euros. Os traballos foron adxudicados en novembro de 2015, pero agardouse para comezar a execución para non interromper a actividade continuada que se desenvolve no pavillón, ademais de para evitar que as choivas ou as situacións meteorolóxicas propias do inverno impedisen o correcto desenvolvemento dos traballos.

Esta semana, e rematado o groso das citas deportivas do curso, asinouse a acta de reformulo e os andamios xa están presentes nas instalacións municipais.

Pintaranse as fachadas e mellorarase a ventilación

A empresa tamén substituirá todas as luminarias das instalacións por alumeado LED para redundar no aforro enerxético

O proxecto inclúe a demolición do tellado actual e a substitución da cuberta e do falso teito do pavillón por paneis "sandwich" de aceiro, ademais da instalación de paneis acústicos. Tamén se substituirán as cubertas de todas as salas anexas, incluíndo a sala fitness municipal e procederase ao repintado do tellado. A empresa adxudicataria tamén incluíu varias melloras sen custo adicional. Así, substituiranse todas as luminarias das instalacións por alumeado LED para redundar no aforro enerxético; pintaranse as fachadas externas das instalacións; e, por último, mellorarase o sistema de ventilación do pavillón.

En total está previsto que se suspendan todas as actividades deportivas no pavillón dende esta semana e durante un prazo aproximado de dous meses, excepto no caso da sala fitness municipal, que continuará funcionando con normalidade até o 10 de xullo e permanecerá pechada a partir desa data e até que rematen as obras. A empresa encargada de realizar os traballos é Ediserpo SL.

Compartir: