Inicio Carballo ao día Hemeroteca Festa o sábado 11 de xuño na Praza...

A VERBENA COMEZA ÁS 22.30 H. CON DJ MARTÍN

Festa o sábado 11 de xuño na Praza do Concello coa actuación de El Combo Dominicano: quecemos motores para o San Xoán

Venres 10 de xuño do 2016

El Combo Dominicano

El Combo Dominicano

O San Xoán arrinca cedo este ano, e o fai o sábado 11 de xuño cunha das orquestras máis demandadas dos últimos anos, El Combo Dominicano. O Concello a proposta dun grupo de empresarios dos sectores da hostalería e a distribución, quere reforzar aínda máis o ambiente festivo do mes de xuño cunha verbena que durará practicamente toda a noite. De todos é coñecido o amplo repertorio deste grupo que interpreta todo tipo de música latina: cumbias, bachatas, salsa, etc. aínda que son coñecidos como os auténticos especialistas do merengue ao que dan o auténtico sabor e ritmo co seu inimitable swing dominicano.

O espectáculo arrinca ás 22.00 horas coa actuación do DJ Martín. A actuación de El Combo Dominicano comezará ás 23.30 e prolongarase ata as 03.30 horas, cun descanso que tamén estará animado polo DJ. Xa podedes practicar para non parar de bailar!

Exposicións, capoeira e coches clásicos

Ademais, o programa do San Xoán da segunda semana de xuño complétase con outras moitas citas artísticas, culturais e deportivas. Así, arrinca a exposición colectiva de creadores e creadoras vinculados a Carballo "Mare Mágnum". Cada ano unen a súa creatividade para expoñer durante as festas de San Xoán unha escolma do seu traballo. Os creadores e creadoras que participan na mostra son os seguintes: Adriana Díaz, Ama, Antonio Taracido, Cristina Castro, Emilia Rodríguez, Esther Chamoso, Eva Facal, Isa Fernández, Laura Tova, Lola Oviedo, Manuel Eirín, Milagros Cotelo, Mon Lendoiro, Peter Kramer, Risé, Santi Picos, Teresa Candal e con Paco Souto, Viki Rivadulla, Nolo Suárez e Peter Schneider como artistas convidados/as.

Este domingo ten lugar a segunda concentración de coches clásicos que percorrerá as vías e estradas do municipio

A Asociación Xuvenil e Cultural Arume de Berdillo organiza unha exhibición de bailes de salón deportivo e ritmos latinos no Pazo da Cultura o sábado, día no que tamén poderemos gozar coas acrobacias da capoeira co alumnado de Carballo e profesores/as e graduados/as de España, Brasil e Portugal na Praza do Concello. Poderemos ver en acción ao pentacampeón de Europa e campión do Mundo, Profesor Ator.

E xa o domingo será a II Xuntanza de Coches clásicos: Classic Car. Carballo celebra por segundo ano a Classic Car: Xuntanza de coches clásicos. A cita comeza ás 9.30 horas cunha concentración na base do club en Artes e coa realización posterior dun percorrido polas rúas de Carballo cara a Razo a partir das 11.00 h. Despois dun aperitivo no Cordobés, ás 13.30 h. haberá un novo percorrido polas rúas carballesas para ir ata Vilar de Francos, onde se xantará no Pazo ás 14.00 h. Os vehículos estarán expostos para que podan velos todos os veciños e veciñas de 17.00 a 21.00 horas na Praza do Concello. A concentración estará animada coa música do DJ Frank Fairnale.

Comeza o San Xoán!


Compartir: