Inicio Carballo ao día Hemeroteca O 90 por cento do alumnado de competencias clave...

ENTREGÁRONSE TAMÉN OS DIPLOMAS DOS CURSOS PRL

O 90 por cento do alumnado de competencias clave da BDT aprobou as probas de acceso ao certificado de profesionalidade de nivel 2

Luns 13 de xuño do 2016

Un momento da entrega de diplomas

Un momento da entrega de diplomas

O 90 por cento do alumnado do curso de competencias clave organizado pola Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo aprobou as probas de acceso ao certificado de profesionalidade de nivel 2. As probas, convocadas pola Xunta de Galicia, celebráronse o pasado 21 de maio en Silleda, e acaban de coñecerse os resultados. A BDT ofreceu a 50 persoas desempregadas a oportunidade de formarse nas áreas de coñecemento de Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés e Matemáticas para acadar o certificado que lles permitirá optar nun futuro a cursos de formación profesional para o emprego de nivel 2, é dicir, aquela formación onde se requira para poder participar a titulación mínima da educación secundaria obrigatoria (ESO).

A entrega das notas tivo lugar o venres 10 de xuño no auditorio do Fórum Carballo coa presenza do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que felicitou ao alumnado polos bos resultados colleitados nas probas.

Cursos de Prevención de Riscos Laborais

O Alcalde tamén fixo entrega dos seus diplomas ás preto de 200 persoas que participaron nos oito cursos de prevención de riscos organizados durante os meses de maio e xuño pola BDT para usuarios e usuarias de sectores vinculados á construción. Este tipo de accións formativas, impulsadas dende a Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Regueira, contribúen a mellorar a empregabilidade das persoas usuarias da Bolsa de Traballo e, sobre todo, prepáranas para afrontar a súa vida laboral coas máximas garantías de seguridade.

Compartir: