Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unanimidade do pleno para bonificar o ICIO...

ACORDO SOBRE O DÍA MUNDIAL DAS LINGUAS DE SIGNOS

Unanimidade do pleno para bonificar o ICIO relativo á instalación de dúas naves industriais no Parque Empresarial de Bértoa

Martes 28 de xuño do 2016

Pleno 27 de xuño

Un momento da sesión plenaria celebrada o luns 27 de xuño

Co apoio de todos os concelleiros e concelleiras da corporación saíu adiante a proposta do pleno ordinario de xuño, celebrado o luns 27 a partir das 20.30 horas, para bonificar nun 80 e nun 95 por cento respectivamente o Imposto de Construccións, Instalacións e Obras (ICIO) para a implantación de dúas naves industriais no Parque Empresarial de Bértoa. No primeiro caso a bonificación, cumprindo os requirimentos da ordenanza, é dun 80 por cento, de tal xeito que a empresa, que destinara as instalacións a un taller mecánimo de reparación, deberá abonar 811 euros en lugar dos 4.056 que lle corresponderían sen o desconto.

O obxectivo das bonificacións do ICIO é favorecer a creación de emprego, así como a modernización do sector comercial do Concello

No segundo caso, a bonificación estipulada é do 95 por cento, de tal xeito que a empresa, que empregará as instalacións como almacén de produtos de limpeza, abonará 331 euros en lugar dos 6.625 que lle corresponderían sen o desconto. Hai que lembrar que estas bonificacións, recollidas na Ordenanza fiscal número 4 que regula o ICIO, pretenden favorecer a creación de emprego, así como a modernización do sector comercial do municipio.

Contra a peaxe da autopista

Nun debate plenario de aproximadamente dúas horas de duración, o apartado de mocións foi especialmente intenso, con catro presentadas pola vía ordinaria e unha polo trámite de urxencia. Precisamente esta última, presentada conxuntamente polo BNG, o PSOE e TEGA, contou co apoio de todos os membros da corporación despois da inclusión dunha emenda a petición do grupo do Partido Popular.

A proposta aborda a gratuidade da autopista AG-55 entre A Coruña e Carballo a través do seguinte acordo: rexeitar o convenio asinado pola Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento que mantén a peaxe na AG-55; rexeitar a imposición de futuras peaxes como consecuencia da futura construción de enlaces co vial AC-15 de acceso ao Porto de Punta Lagosteira en Arteixo; solicitar á Xunta de Galicia a eliminación total da peaxe da AG-55 para o conxunto da poboación; dar traslado destes acordos á Xunta de Galicia e ao Goberno do estado.

Linguaxes de signos

O 14 de xuño foi o Día Nacional das Linguas de Signos Españolas, polo que saíu adiante unha declaración institucional

Outra das mocións que saíu adiante no pleno fo presentada polo PSOE, e nela inlúese unha declaración institucional con motivo do 14 de xuño, Día Nacional das Linguas de Signos Españolas. Nesta declaración o concello comprométese a apelar a todas as institucións, axentes públicos, sociais e ao conxunto da cidadanía a actuar de forma comprometida para colocar ás linguas de signos españolas, en condicións de igualdade, en todas as esferas da vida educativa, social, cultural, económica e política do noso concello.

Así mesmo, a moción mantén que o Concello estará sempre ao lado dos defendan a igualdade, a xustiza social, a inclusión e a diversidade. Neste sentido recoñece o labor do movemento asociativo que contribuíu decisivamente a que estas linguas alcancen un status legal e social. Pero, sobre todo, agradécelle o feito de manter vivo un legado que forma parte do patrimonio común de toda a cidadanía.

Inventario Municipal de Bens: máis de 270 millóns de euros

As outras tres mocións presentadas ao ditame do pleno (unha referida ao comercio local, outra sobre a implatación dun sistema de intercambio de libros e material escolar e outra sobre a seguridade na praia de Razo), todas elas remitidas polo PSOE, non contaron finalmente, coa aprobación necesaria dos membros do pleno.

Por último, a sesión serviu para aprobar varias rectificacións e altas e baixas do Inventario Municipal de Bens que queda actualizado a 31 de decembro de 2015 nun valor total de 273.887.809,65 euros, dos que 268.205.738,46 euros son bens inmobles, con 7.780 elementos; 4.882.049,81 euros son outros bens mobles, con 10.782 elementos; 434.381,77 euros refírense a 46 vehículos; 300.147,69 euros son mobles histórico artísticos e de considerable valor económico; e 65.491,92 euros refírense a 439 elementos que son valores mobiliarios, créditos e dereitos de carácter persoal. O inventario do Concello de Carballo conta a 31 de decembro de 2015 cun total de 19.268 bens, cun incremento de 771 bens dende o 31 de decembro de 2014.

Compartir: