Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación aproba un investimento de...

O ORGANISMO PROVINCIAL TAMÉN ACHEGA 20.000€ PARA A UAD

A Deputación aproba un investimento de máis dun millón de euros para Carballo, incluíndo melloras no Parque Empresarial ou no barrio das Flores

Xoves 30 de xuño do 2016

Rolda de prensa

Xosé Regueira e Evencio Ferrero na rolda de prensa

O Pleno da Deputación da Coruña aprobou esta semana a cuarta e última fase do Plan de Acción Social (PAS), que suporá un investimento superior aos 900.000 euros no Concello carballés, que, sumados ao importe doutras actuacións do organismo provincial no municipio, superan o millón de euros. As melloras incluídas no PAS son a mellora da accesibilidade ao Pazo da Cultura por 36.315,78 euros; a mellora do céspede artificial e equipamento do Complexo deportivo As Eiroas por 517.046,84 -hai que lembrar que xa está en marcha o proceso de adxudicación das obras ao que concorreron arredor de 20 empresas-; mellora da accesibilidade no barrio das Flores por 261.057,35 euros; e por último, eliminación de barreiras arquitéctonicas na rúa Xúpiter por 102.830,69.

Nestes momentos xa está en marcha o proceso para licitar a mellora do céspede artificial de As Eiroas por máis de medio millón de euros

O total ascende a 917.250,66 euros, aos que hai que sumar un investimento de 117.000 euros para emprender a mellora de zonas verdes e áreas de estacionamento no Parque Empresarial de Bértoa. O Concello responde así a unha petición por parte dos empresarios do polígono, que solicitaron a execución deste proxecto. Tamén hai que incluír unha achega de 20.000 euros para o financiamento da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD). O total supera o millón de euros, o que, segundo o Concelleiro de Promoción Económica e Deputado Provincial, Xosé Regueira, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, é unha moi boa nova para Carballo "xa que as achegas para o Concello están sendo moito máis contiosas que nos catro anos anteriores", sinalan, ao igual que ocorre con outros concellos da contorna, como o veciño da Laracha.

O PAS destínase a investimento sostible

O PAS foi o primeiro dos plans impulsados polo actual executivo provincial e vai destinado a colaborar cos municipios no financiamento de investimentos financeiramente sostibles que teñan, na súa maior parte, un carácter social relevante. Coa aprobación desta última fase, o PAS completa investimentos por importe de 33 millóns de euros nos 93 concellos coruñeses, que van supor a realización de 389 obras en toda a provincia.

Son os propios concellos os que deciden o destino do investimento provincial en función da asignación que lles corresponde e das súas necesidades e prioridades.

Compartir: