Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Festifolk Costa da Morte celebra a súa...

O SÁBADO 9 DE XULLO A PARTIR DAS 21.00 H.

O Festifolk Costa da Morte celebra a súa segunda edición con Xabier Díaz, Pepe Vaamonde e o tradicional desfile de gaiteiros

Luns 4 de xullo do 2016

Rolda de prensa

Presentación do Festifolk no Pazo da Cultura

A música tradicional galega ten unha cita ineludible o sábado 9 de xullo coa celebración en Carballo da segunda edición do Festifolk Costa da Morte. Desta volta, e segundo explica a organización, encabezada polo Concello e coa colaboración e o patrocinio de La Voz de Galicia e a Fundación Luís Calvo Sanz, para tentar que siga en marcha esta locomotora para a música folk que ten unha oportunidade para amosar a súa mellor faciana. E o fai, non só coa presenza de músicos de renome como Xabier Díaz ou Pepe Vaamonce, senón tamén coa asistencia de grupos de gaiteiros de toda a Costa da Morte, que desfilarán polas rúas de Carballo tocando as súas mellores tonadas.

Xabier Díaz ofrece un espectáculo no que está enriba do escenario cun numeroso grupo de percusionistas e cantoras

Encabezados polo Grupo de Gaitas de Carballo, e á espera das últimas incorporacións, xa están confirmadas agrupacións como Arume, Malante ou A Cruz de Baixar, entre outras moitas. Todas elas pasearán pola vila ao ritmo de muiñeiras, foliadas, xotas... a partir das 21.00 horas. Xa ás 22.00 h. será a quenda de Xabier Díaz e Pepe Vaamonde. O primeiro presenta o seu novo traballo, The Tambourine Man, no que se rodea de Adufeiras de Salitre, un grupo de percusionistas e cantoras de música popular coas que, en verbas do propio Díaz, que asistiu á presentación do Festifolk, "imos facer festa en Carballo!".

Pepe Vaamonde abre a noite para presentar tamén o seu novo proxecto musical, Nas pedras do lar, un espectáculo baseado na contundencia e forza da música folk galega, que se mestura cunha chea de novos sabores sonoros.

Colaboración de varias institucións

Tanto o propio Xabier Díaz como o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo; Xosé Ameixeiras en representación de La Voz de Galicia; e Luciano Calvo, en representación da Fundación Luís Calvo Sanz, manifestaron a importancia que ten que as sinerxías dunha administración pública, dun medio de comunicación e dunha empresa privada vaian da man para sacar adiante un proxecto como o do Festifolk. Ferrero confía en que o evento "vaia medrando pouco a pouco", como unha aposta firme pola música galega e para que teña "mil primaveras máis".

Finalmente, tanto Luciano Calvo, como Xosé Ameixeiras como o propio Marcos Trigo, fixeron un chamamento para que a xente se anime a participar na cita, e non esqueceron desexar que non chova para que sexa unha noite perfecta.

Lembrade: o sábado a partir das 21.00 h. polas rúas de Carballo e co concerto de Xabier Díaz e Pepe Vaamonde na Praza do Concello ás 22.00 h. En verbas de Trigo: "Longa vida ao Festifolk!".

Compartir: