Inicio Carballo ao día Hemeroteca Luz verde na Xunta de Goberno para catro...

INCLÚENSE OS TRABALLOS NAS RÚAS PONTE E DESIDERIO VARELA

Luz verde na Xunta de Goberno para catro expedientes de contratación de obras incluídas no PAI por preto de 600.000 euros

Luns 4 de xullo do 2016

Rúa Desiderio Varela

Rúa Desiderio Varela

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar catro expedientes de contratación para a realización doutras tantas obras de mellora en varios puntos da capital municipal e das parroquias. As actuacións están incluídas no Plan de Aforro e Investimento da Deputacion da Coruña 2016 e suman un importe de 596.941,81 euros (IVE incluído). A de maior contía refírese á "Reurbanización da rúa Ponte do Concello de Carballo" por 239.782,75 euros. A mellora suporá a substitución das redes de servizos, que no caso das pluviais presentaban problemas decotío, ademais da reforma estética da vía, que será de plataforma única. A actuación realizarase dende a rúa Camiño Novo até a Luís Calvo e implica a ampliación das beirarrúas, a colocación dunha quincena de árbores, alternando arces, acivros e aligustres, e a creación dunha glorieta na confluencia coa rúa Luís Calvo.

A rúa Ponte contará cunha glorieta, un novo firme e a colocación de árbores como arces, acivros ou aligustres

A segunda das actuacións en contía refírese ao proxecto de "Reurbanización da rúa Desiderio Varela". Os traballos, por un importe de 229.158,49 euros, recollen a mellora do treito que transcorre entre a rúa Colón e a Gran Vía, e consistirán na colocación dun firme e acabados similares aos empregados no treito xa mellorado hai anos. O proxecto inclúe a colocación de colectores soterrados na esquina coa Gran Vía. A Xunta de Goberno tamén sacou adiante o contrato de "Reparación de varias rúas no casco urbano de Carballo 2016", neste caso por 72.964, 25 euros; e o contrato de "Mellora da capa de rodadura no lugar de Cances Grande" por 55.036,32 euros.

Cultura e turismo

No apartado de convenios, saíu adiante un acordo entre a Asociación Cultural Rebeldía e o Concello para a celebración do XI Festival Sereas e Piratas, que terá lugar en Razo o 23 de xullo e que contribúe, segundo especifica o convenio, a potenciar o uso cultural da praia de Razo, convertíndoa nun referente dos concertos de verán fusionando música e actividade deportiva. A sesión tamén supuxo a aprobación do programa Verán Cultural, que terá lugar entre xullo e agosto coa mellor oferta de lecer.

Así mesmo, no apartado de subvencións, aprobouse a solicitude á Deputación da Coruña dunha axuda para contratar persoal técnico para a atención da Oficina de Información Turística - Museo de Bergantiños por un importe de 20.000 euros. Por último, a sesión supuxo a aprobación de tres licenzas de obra, tres licenzas de parcelación e a prórroga para o contrato do servizo público de Limpeza viaria do Concello de Carballo.

Compartir: