Inicio Carballo ao día Hemeroteca Traballando en lingua reflexiona durante dous...

O CURSO XA TEN XERADO INICIATIVAS COMO APEGO OU YOUTUBEIROS

Traballando en lingua reflexiona durante dous días sobre o galego na empresa, na publicidade, no turismo ou nas novas tecnoloxías

Mércores 6 de xullo do 2016

Acto de inauguración de Traballando en Lingua 2016

Acto de inauguración de Traballando en Lingua 2016

Arrinca o Curso de Verán Traballando en Lingua que cada mes de xullo visita Carballo para reflexionar sobre a situación da lingua galega, e que, desta volta, o fará sobre o papel do idioma no ámbito empresarial. Anxos Sobriño, presidenta da CTNL (Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua); Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña; e Evencio Ferrero, Alcalde de Carballo, foron os encargados de conducir o acto de inauguración, no auditorio do Fórum Carballo onde durante dous intensas xornadas terá lugar o curso.

En setembro presentarase Youtubeiros, unha nova iniciativa pola normalización na que participa Carballo e dirixida á mocidade

Todos eles tiveron verbas para aproveitar esta nova edición de Traballando en lingua e artellar "ideas e proposta e para obter enerxía para continuar traballando en lingua no futuro", en verbas de Sobriño. A presidenta da CTNL lembrou que no seo deste curso naceron propostas como Apego, no que xa participan 23 concellos galegos e que mesmo ten sido exposto como exemplo de iniciativa normalizadora no País Vasco. Tamén xurdiu a idea para por en marcha Youtubeiros, unha proposta dirixida á mocidade na que colaboran doce concellos (incluído o de Carballo) e as tres universidades galegas e que estará en marcha no mes de setembro no marco da plataforma de vídeos Youtube.

Unha referencia

Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística, asegura que o curso é unha referencia "non só no verán, senón durante todo o ano", como o amosan iniciativas permanentes como a xa mencionada de Apego. Sobre o tema do curso, o galego no ámbito empresarial, subliña que "a lingua que queira estar á vangarda ten que ter unha presenza importante na economía" e espera que as xornadas axuden a afondar neste ámbito do idioma. Ademais de asistir á inauguración, García foi tamén o responsable do primeiro faladoiro do curso, no que presentou o Plan de Dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020-

O Reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, manifestou o desexo da UdC de seguir colaborando na celebración desta cita, e sobre esta duodécima edición, espera que as reflexións servan para superar a "infravaloración do galego como idioma dos negocios" e axuden "a radiografiar a situación actual e a elaborar novas propostas". O encargado de pechar o acto de apertura foi o Alcalde, Evencio Ferrero, que subliñou a presenza do galego como elemento normalizador en moitas das empresas da contorna e que desexou que este curso "sexa altamente proveitoso para as persoas pero tamén para o conxunto da sociedade".

Se queredes consultar os horarios e o programa de faladoiros de Traballando en lingua 2016, podedes facelo clicando aquí, ou máis abaixo nun documento en pdf.

Ligazóns

Novas relacionadas

Compartir: