Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT, Festival Internacional Outono de Teatro...

A DECISIÓN TOMOUSE O 4 DE XULLO EN SANTIAGO

O FIOT, Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, outorga o Xograr de Outono 2016 ao actor Miguel de Lira

Xoves 7 de xullo do 2016

Miguel de Lira

Miguel de Lira nunha das súas interpretacións

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorgará na súa XXV edición o Xograr de Outono a Miguel de Lira. O actor Miguel García Martínez, que toma o seu nome artístico do seu lugar de nacemento, Lira, no municipio de Carnota, conta cunha longa e recoñecida traxectoria na escena galega e no mundo audiovisual. A entrega do galardón terá lugar ao longo da XXV edición do festival no mes de outubro.

A elección do galardoado foi adoptada na reunión anual de Xograres do Outono de Teatro que se celebrou o pasado 4 de xullo en Santiago, e á que asistiron os anteriores galardoados Celso Parada, Artur Trillo, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Paula Carballeira, Marcelino de Kukas, Eduardo Rodríguez “Tatán” e Susana Dans (disculpando a súa asistencia Dorotea Bárcena e Víctor Mosqueira), xunto con Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte e outros organizadores do FIOT.

Fundador dunha compañía referente como Chévere

Con este premio o xurado do Xograr de Outono quere recoñecer a intensa, creativa, diversa e extensa traxectoria profesional de Miguel de Lira, -con máis de 30 anos de percorrido-, que pola súas características define o perfil do Xoglar que nos gusta destacar co galardón, xa que traballa activamente como actor de teatro, dinamizador teatral, produtor e director, como actor en cine e televisión a nivel nacional e galego, sendo ademais membro fundador dunhas das compañías referentes do panorama teatral galego: Chévere.

O Premio Xoglar de Outono premia a unha das figuras que iniciou un teatro alternativo, de compromiso e de experimentación en Galicia, levando o teatro a espazos pouco convencionais (en rúas, barcos, aeroportos, escaparates,…), que se quere recoñecer esta ampla, equilibrada e diversa traxectoria nas artes escénicas.

Traxectoria artística

Eurozone

Imaxe promocional da obra Eurozone

Miguel de Lira (Lira, Carnota, 1964) comezou a súa andadura profesional nos anos 80 en Santiago de Compostela, onde se iniciou no mundo da improvisación e o xogo teatral. No teatro está absolutamente vinculado á compañía Chévere da que é fundador, e no que leva traballado tan como actor como director ou productor trinta anos, participando na mior parte dos seus espectáculos, algúns tan memorables como Río Bravo, Big Band, Annus Horribilis, Órbita Mutante, ou as Ultranoites, e recentemente Citizen, Eurozone ou Eroski Paraíso. Neste ano, no que o Festival Internacional Outono de Teatro celebra o seu 25 aniversario, queremos destacar tamén que Miguel de Lira participou na primeira edición do FIOT co mítico espectáculo Río Bravo, que se representou no salón de actos do Instituto Alfredo Brañas.

A traxectoria de Miguel de Lira en cine e televisión é tamén unha das máis destacadas dos actores galegos, con participación en proxectos de relevante repercusión como as longametraxes Urxa (1989), de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal, Entre bateas (2002), telefilme de Jorge Coira, O lapis do carpinteiro (2003), de Antón Reixa, El regalo de Silvia (2003), de Dionisio Pérez, As viúvas do mar (2004), telefilme de Carlos Sedes, Hai que botalos (2005), de Margarita Ledo e Emilio McGregor, Galatasaray-Dépor (2005), de Hannes Stöhr, Un franco, 14 pesetas (2006), de Carlos Iglesias, Hotel Tívoli (2006), de Antón Reixa, El hombre de arena (2007), de José Manuel González, Os xirasois cegos (2008), de José Luis Cuerda, No habrá paz para los malvados (2011), de Enrique Urbizu, Personal Movie (2012), de Héctor Carré, Todo é silencio (2012), de José Luis Cuerda, Somos xente honrada (2013), de Alejandro Marzoa, ou Os fenómenos (2014), de Alfonso Zarauza.

Moitos lembran a Miguel de Lira como o percebeiro Currás da serie de éxito Mareas Vivas

Nos últimos anos atopamos A esmorga (2014), de Ignacio Vilar, María (y los demás) (2016), de Nely Reguera e Dhogs (2016), de Andrés Goteira. Tamén en curtametraxes Cal dous estraños (1991), de Alber Ponte, Disonancias (2000), de Ignacio Vilar, Os Crebinsky (2002), de Enrique Otero, ou Toxic Percebe (2005), de Xavier Jacome e Martín Fiallega.

Tamén participou en series de televisión de grande éxito en Galicia, como Mareas vivas (1998), como Evaristo Currás; Pepe O Inglés (2006), como Pepe O Inglés; Códice (2014), como Manolo Carballeira; ou Hospital Real (2015). Tamén ten aparecido en series nacionais como Pepe Carvalho (2004), de Rafael Moleón e en Los hombres de Paco (2008).

Compartir: