Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo Limpo e Ecovidro emprenden unha...

CARBALLO: UN DOS CATRO CONCELLOS DE GALIZA QUE PARTICIPAN NO PROXECTO

Carballo Limpo e Ecovidro emprenden unha campaña para mellorar a reciclaxe no verán na que participan 85 locais hostaleiros do municipio

Martes 12 de xullo do 2016

Presentación da campaña en Razo

Presentación da campaña en Razo

O Concello -a través de Carballo Limpo- e Ecovidro unen esforzos este verán cunha campaña para mellorar os índices de reciclaxe neste período, no que, segundo explica o delegado de Ecovidro, Germán Fernández, a hostalería xera un tercio do vidro que se produce en todo o ano. Carballo é un dos catro únicos concellos galegos, xunto con Sada, Oleiros e Miño, no que se ten posto en marcha esta iniciativa, que consiste no desenvolvemento dunha campaña co subministro de quince novos colectores para a recollida de vidro -cunha imaxe divertida propia do verán- e na que se premia aos locais hostaleiros que máis reciclen. En Carballo están anotados na campaña un total de 85 locais espallados por todo o territorio municipal, aínda que poderán seguir sumándose máis nos próximos días.

O sistema especial dos colectores facilita moito o proceso de reciclaxe e o baleirado do vidro

Hai que subliñar que os locais hostaleiros participantes contarán cun colector especial no que depositar o vidro que, grazas a un sistema adaptado especialmente para este fin, facilita moito o proceso de reciclaxe, automatizando o baleirado, de tal forma que, como explica o Concelleiro de Obras e Servizos carballés, Luís Lamas, "resulta máis fácil reciclar que non facelo".

Persoal de campo para reforzar a campaña

Os locais teñen un distintitvo

Ademais do subministro dos colectores, a campaña implica a presenza de persoal de campo para a información e concienciación dos usuarios e usuarias, e movilizarase aos profesionais hostaleiros e á cidadanía coa campaña ‘Toma nota, recicla vidro’. Só por participar, os bares e locais entran no sorteo de 90 packs de experiencia; e os que máis reciclen, poderán gañar un cruceiro polo Mar Caribe para dúas persoas. Ademais, tamén os clientes teñen premio, xa que poden gañar un plan gourmet para dúas persoas se votan polo seu establecemento favorito en <www.tomanotareciclavidrio.es>.

As localidades que superen os datos de recollida respecto do mesmo período do ano anterior, tamén contarán con galardón. Germán Fernández quixo subliñar que precisamente Ecovidro ten decidido poñer en marcha o proxecto en Carballo, de entre outros moitos municipios, pola colaboración continua existente entre Ecovidro e o Concello e "polas boas prácticas habituais de Carballo en materia de medio ambiente". Pódense consultar os datos de recollida selectiva por municipios no web <www.tomanotareciclavidrio.es>.

Carballo supera a media galega e española de reciclaxe

Respecto aos datos de recollida de vidro en Carballo, segundo os últimos datos relativos a 2015, os veciños e veciñas reciclaron un total de 556.760 quilos de vidro, o que supón que cada habitante reciclou de media 17.8 kg nun ano. Este dato supera a media galega, situada en 14,6, e tamén a española, situada en 15,4. Tanto o Alcalde, Evencio Ferrero, como Luís Lamas subliñan que a progresiva incorporación de colectores adaptados para os locais hostaleiros, que xeran a maioría dos residuos, ten contribuído notablemente a mellorar os datos.

Respecto á taxa de colectores, Carballo situase cunha media de 108 habitantes por colector, contando na actualidade cun total de 289 iglúes para os residuos de envases de vidro instalados. Ferrero quixo agradecerlle a Ecovidro que teña en conta a Carballo para esta campaña e asegura que o Concello continuará traballando nesta "boa senda de compromiso co medio ambiente".

Compartir: