Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Carrabouxo, Benigno Campos ou AldaoLado:...

SETE LIBRARÍAS E A BIBLIOTECA OCUPARÁN O XARDÍN MUNICIPAL

O Carrabouxo, Benigno Campos ou AldaoLado: algúns nomes da Praza dos Libros que invade Carballo de música e letras entre o 21 e o 24 de xullo

Xoves 14 de xullo do 2016

Rolda de prensa

O cartaz deste ano é a Casa do Concello feita con libros

O humorista gráfico O Carrabouxo, o cociñeiro Benigno Campos, a música de AldaoLado, os autores carballeses Xurxo Chapela e Rosalía Fernández Rial, o ex xogador de fútbol Donato... Son só algúns dos nomes que figuran no programa da Praza dos Libros de Carballo, que este ano, e a piques de cumprir as once edicións, adianta a data da súa celebración de agosto a xullo. O motivo, evitar que a feira da creatividade cultural de Carballo coincida coa campaña escolar e que así as librarías participantes, que este ano son sete, podan dedicarse o mellor posible a "dar a coñecer os libros de aquí", en verbas de Ramón Tasende, do establecemento Brañas Verdes, así como a cultura e as letras.

Os autores carballeses Xurxo Chapela e Rosalía Fernández presentan os seus últimos traballos o venres e o sábado

A cita, que conta co apoio da Fundación Luís Calvo Sanz, terá lugar entre o xoves 21 e o domingo 24 de xullo, con "catro días de intensa programación", segundo explica o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, na que haberá propostas para os máis cativos e cativas, música, obradoiros artísticos con Crea Formas, a iniciativa Un libro, un pan o domingo de feira, descontos dun 10 por cento en todos os libros e toda a oferta das librarías Teldy -que acode este ano á Praza por primeira vez-, Brañas Verdes, Trasgo, Roget, Ler, A lus do candil e Couceiro. O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas.

Móita música e repítese a sesión vermú

O ex xogador de fútbol Donato estará para presentar a súa biografía

O ex xogador de fútbol Donato estará para presentar a súa biografía

Ademais dos nomes xa mencionados, a Praza dos Libros contará coa presentación do último libro de María Canosa ou dos poemarios de Modesto Fraga e María Lado; a presentación da colección Costa da Morte con libros de José Antonio Andrade Figueiras, Evaristo Domínguez Rial e Xosé González Reyes; ou unha presentación musical con María Reimóndez.

De feito, a música volve ser parte importante na Praza dos Libros, repetíndose a iniciativa da sesión vermú do domingo, desta volta con Sofía Espiñeira; cunha nova sesión vermú para presentar o último libro de Jorge Mira, neste caso o sábado; e con moitos concertos e contacontos para os máis pequenos e pequenas, ás 18.30 horas todos os días con Anxo Moure, Vaioviravai, A música das árbores con Servando Barreiro, ou Pitusa Semifusa o domingo pola tarde.

Presenza da Biblioteca Rego da Balsa

Este ano a Biblioteca Rego da Balsa ocupará o posto do Concello na Praza dos Libros, abrindo no mesmo horario que o resto dos stands. Os usuarios e usuarias poderán tomar empréstitos alí mesmo, ademais de que haberá unha actividade-concurso infantil o venres 22 pola mañá sobre a mascota da biblio, Sanxo, con inscrición dende o día anterior e dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos. Por ese motivo, a biblio modifica o seu horario habitual, aínda que estará aberta a San Xoán Bautista.

Na Rego da Balsa o horario mentres dure a Praza dos Libros será o seguinte: o xoves 21 e venres 22 non abre pola mañá, mais pola tarde o fai en horario normal: de 16.30 a 20.30 h.; o obradoiro de iniciación á ilustración previsto para o venres 22 terá lugar na Praza dos Libros de 10.30 a 13.30 h. O sábado 23 abre de mañá en horario normal, de 10.00 a 13.00 h. Porén, o obradoiro de iniciación á ilustración do sábado 23 tamén terá lugar na praza dos libros, de 10.00 a 13.00 horas. Coma sempre, a biblio estará pechada o domingo.

Programa completo

Os interesados e interesadas en consultar todas as citas polo miúdo, en ver os horarios, as novidades e todo o que a Praza dos Libros ten que ofrecer no Xardín Municipal durante catro días, poden consultar o programa ao completo nun documento en pdf máis abaixo nesta mesma nova.

Descargas



Galería

Compartir: