Inicio Carballo ao día Hemeroteca A mellor horta, mel, licores, carne ou cervexa:...

ARREDOR DE 20 POSTOS OCUPARÁN A FIN DE SEMANA A PRAZA DO CONCELLO

A mellor horta, mel, licores, carne ou cervexa: os días 16 e 17 de xullo en Carballo na Feira de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia

Xoves 14 de xullo do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación da feira na Casa do Concello

Un total de 20 expositores cunha selección dos mellores produtos da horta, con mel, con carne de calidade, con fariña de castaña, con marmelada ou mesmo con cervexa. Todo iso e obradoiros para nenos e nenas, catas ou degustacións poden atoparse o sábado 16 e o domingo 17 de xullo na Feira de Produtos Ecolóxicos Certificados de Galicia que visita Carballo da man de Craega (Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia) e coa colaboración do Concello. O obxectivo, segundo explica More Santiago dende Craega "promocionar os produtos ecolóxicos galegos" unindo nun mesmo espazo a operadores, a empresas e aos veciños e veciñas que se achegan a coñecer unha produción de extraordinaria calidade e que debe estar sempre avalada polo selo de Craega, "o único que garante a calidade do produto certificado en Galicia".

A feira estará na Praza do Concello a partir das 11.00 horas durante todo o día e sen límite de horario mentres a veciñanza queira visitar os postos

Os veciños e veciñas poderán visitar a feira durante a fin de semana a partir das 11.00 h. e sen límite de horario, durante todo o día e ata que os veciños e veciñas queiran. Contarán co aliciente de poder ver entre os postos a produtores da contorna, e mesmo a participación da tenda de produtos ecolóxicos do municipio. A de Carballo é unha das dez feiras que se celebran en toda Galicia e More Santiago explica que a elección do Concello veu dada en boa parte polo seu "dinamismo".

Un peluche ecolóxico para nenos e nenas

Ademais de poder probar todos os produtos de balde, ou mercalos se así o desexan, os veciños e veciñas contan con atraccións especiais para nenos e nenas. Entre elas, Santiago destaca un obradoiro para crear un peluche ecolóxico, coa forma dun grelo, que os máis cativos e cativas elaboran eles mesmos e que levan para a casa como mascota e cun certificado de nacemento. Este peluche sempre esperta moita expectación en cada edición da feira e More Santiago subliña a importancia de que, dende ben pequenos, os nenos e nenas aprendan a diferenciar os produtos ecolóxicos.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo agradecer a aposta de Craega pola celebración desta cita no Concello, e espera que sexa "a primeira doutras moitas". Para Ferrero a feira será un espazo "para presumir dos mellores produtos", da zona e de toda Galicia e desexou que sexa un éxito.

Ligazóns



Galería

Compartir: