Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e os veciños e veciñas...

CONCENTRACIÓN SILENCIOSA POLA BARBARIE EN FRANCIA

O Concello e os veciños e veciñas de Carballo únense á condena polo atentado terrorista perpetrado en Niza

Venres 15 de xullo do 2016

Minuto de silencio

Un momento da concentración na Praza do Concello

O Concello de Carballo, respondendo á convocatoria da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) e da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), convocou hoxe venres 15 de xullo ás 12.00 horas unha concentración e un minuto de silencio diante da Casa do Concello como mostra de repulsa e condena polo atentado perpetrado en Niza (Francia) o xoves 14 de xullo pola noite.

O rexedor enviou unha aperta moi grande ao pobo francés e a todas as persoas que padecen por este acto execrable e condenable

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, acompañado por outros membros da corporación, persoal municipal e veciños e veciñas, presidiu a concentración na Praza do Concello e foi o encargado de poñer en verbas a condena a esta "barbarie absoluta" aínda que que "é moi difícil expresar o que se sinte". En todo caso subliñou a "absoluta repulsa, rexeitamento, indignación e combate a estas barbaries". Ferrero tamén sinalou que "dentro da sensibilidade humana non caben este tipo de accións e comportamentos". Así mesmo, quixo mandarlle "un abrazo moi grande ao pobo francés e en concreto a todas as familias con familiares falecidos neste acto tan execrable e tan condenable".

O rexedor expresou que "poucas veces se xunta a festa co terror, mais alí había persoas intentado gozar do seu día e dunha sesión de fogos artificiais". Para o Alcalde "só dende o disparate se poden interpretar accións como a que padeceron en Niza". Ferrero rematou a súa intervención manifestando "a nosa absoluta solidariedade e a nosa total repulsa desexando que estes actos de barbarie non se produzan en ningún lugar do mundo, xa que sabemos que agora mesmo aínda hai espazos en Oriente nos que tamén está habendo vítimas mortais todos os días". Desexa "que pare dunha vez todo este terror e que se lle dea a oportunidade ás persoas de seguir sendo persoas".

Compartir: