Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicado o servizo de limpeza, mantemento e...

LUZ VERDE PARA CINCO CONTRATACIÓNS POR 860.000€

Adxudicado o servizo de limpeza, mantemento e desbroce de cunetas no municipio, así como o subministro de combustible para as caldeiras de biomasa

Luns 18 de xullo do 2016

Limpeza, mantemento e desbroce de cunetas

O prazo de execución do contrato de limpeza de cunetas é de tres anos

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria vén de aprobar -fóra da orde do día- a adxudicación do contrato administrativo de servizos de "Limpeza, desbroce e mantemento de cunetas nos viais das parroquias de Carballo" por un importe de 47.177,90 euros e un período de tres anos, coa posibilidade dunha prórroga anual previo acordo das partes. O prazo máximo anual de execución dos traballos será de dous meses, mentres que o de prestación do mantemento será de cinco meses. A empresa responsable dos traballos ten o domicilio social en Cances.

O subministro de pellets e astillas irá destinado ás caldeiras das piscinas municipais e da casa consistorial

Así mesmo, xa dentro da orde do día e tamén no apartado de adxudicacións, saíron adiante as relativas ao contrato de "Subministro por prezos unitarios de calefacción (pellets e astillas) con destino a diversas instalacións municipais do Concello de Carballo". A adxudicación está dividida en dous lotes, o 1, para o subministro con astillas das caldeiras de biomasa das piscinas municipais e o 2, para o subministro de pellets para a caldeira da Casa do Concello.

No caso das piscinas, a adxudicataria é Maderas Eucatar SL por un período de catro anos e cun prezo unitario de adxudicación de 30,49 euros por metro cúbico. O consumo estimado de metros cúbicos ao ano é de 2.100, o que fai un total de 8.400 metros cúbicos de astilla polo período completo de duración do contrato. No caso da casa consistorial, a empresa adxudicataria é Gestán Medioambiental SL por un prezo de 242,89 euros por tonelada de pellets. Estímase un consumo aproximado de 20 toneladas ao ano, o que fai un total de 80 toneladas polo período total da duración do contrato, fixado tamén en catro anos.

Licitacións por 862.215 euros

A Xunta de Goberno tamén supuxo a aprobación dun total de cinco expedientes de contratación para principiar o proceso de licitación doutras tantas obras no municipio, tres delas incluídas no PAS 2015, Plan de Acción Social, da Deputación da Coruña. O importe total destinado para os cinco proxectos ascende a 862.215, 61 euros.

A través do PAS da Deputación realizaranse obras de mellora no barrio das Flores da capital municipal

O primeiro deles refíerese ao Contrato de obras de "Melloras de accesibilidade e funcionamento do Pazo da Cultura de Carballo (PAS 2015)" cun prezo base de licitación de 36.315,78 euros; o segundo, ao contrato para a "Mellora da accesibilidade no barrio das Flores (PAS 2015)" cun prezo base de licitación de 261.057,35 euros; o terceiro ao contrato de obrasde "Eliminación de barreiras arquitectónicas na Rúa Xúpiter (PAS 2015)" por 102.830,69 euros; o cuarto, ao contrato administrativo de obras de "Reparación dos viais secundarios das parroquias de Cances, Goiáns e Carballo", cun prezo base de licitación de 224.088,15 euros; e, por último, houbo luz verde para a licitación da "Reparación dos viais secundarios das parroquias de Sísamo e Artes" por 237.923,64 euros.

Subvencións a empresas e de Servizos Sociais

Nunha sesión con numerosos asuntos, tamén hai que mencionar, fóra da orde do día, a aprobación de dous puntos relativos a subvencións. O primeiro, a concesión de subvencións a entidades empresariais para actividades de promoción económica. Finalmente, e segundo a proposta da comisión avaliadora, concedéronse subvencións por un importe global de 50.705,44 euros que se reparten Axober (Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños), a Asociación As Eiroas de Empresarios e Propietarios do Polígono de Bértoa, o Centro Comercial Aberto, CCA Carballo e a Asociación de Comerciantes, hostaleiros e profesionais do Barrio da Milagrosa.

Así mesmo saíu adiante a convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro que desenvolvan acción no eido dos Servizos Sociais para o ano 2016. Destinaranse un máximo de 32.000 euros á concesión destas axudas.

Convenios

A orde do día incluíu varios asuntos relacionados co desenvolvemento de actividades culturais, como é o caso dos convenios de colaboración coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) para a programación do segundo semestre de 2016; coa Deputación para os espectáculo da Rede Cultural 2016; ou coa Fundación Luís Calvo Sanz para a realización da actuación do grupo Jóvenes clásicos del son no marco da programación do Verán Cultural 2016. Tamén se aprobou o programa da Praza dos Libros 2016 ou o gasto da programación do segundo semestre de 2016 da Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Tamén se deu conta dos convenios para a celebración do Festifolk 2016, para a colaboración coa Consellería de Medio Rural para a participación na prevención e defensa de incendios forestais ou do acordo para o financiamento de melloras nas zonas verdes e aparcadoiros do Parque Empresarial de Bértoa. Por último, o apartado de convenios péchase coa aprobación dun convenio coa Deputación para o financiamento da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) cunha achega máxima de 20.000 euros por parte do organismo provincial.

Xa entre os asuntos de trámite, hai que mencionar a prórroga dun ano para o servizo de Limpeza e mantemento da Unidade Asistencial de Drogodependencias; a correción dun erro material do Lote III do Contrato de "Limpeza de bens inmobles do Concello de Carballo"; ou a aprobación de cinco licenzas de obra e tres licenzas de primeira ocupación.

Compartir: