Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve a Razo o Festival Sereas e Piratas coa...

O SÁBADO 23 DE XULLO DURANTE TODO O DÍA

Volve a Razo o Festival Sereas e Piratas coa mellor música nacional e internacional, pero tamén con volei, skate, surf e moita diversión

Martes 19 de xullo do 2016

Sereas e Piratas 2016

Un momento da presentación do festival

Verán en Carballo é dende hai máis dunha década sinónimo de Sereas e Piratas, o festival que une música, deporte, diversión e a espectacular praia de Razo nun espazo "de referencia non só en Galicia, senón tamén no resto do estado". Así o subliñou o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, durante a presentación da cita, na que estivo acompañado do Alcalde, Evencio Ferrero. 

José Antonio Deus e Bea Fernández, da Asociación Cultural Rebeldía, organizadora do Sereas e Piratas, foron os encargados de desvelar os segredos desta edición, que continúa mantendo, aseguran, o espírito dos comezos de "ser un espazo para as bandas galegas emerxentes", segundo Fernández; e tamén se servir para dar a coñecer "a canteira carballesa", en verbas de Deus, con grupos que foron crecendo co festival, como Chicharrón, ou que tamén protagonizaron algúns dos seus primeiros concertos en Razo, como Aula11

The Wave pictures: cabeza de cartel

The Wave Pictures

The Wave Pictures

Os británicos The Wave Pictures son os cabeza de cartel deste ano, ofrecendo en Razo o único concerto deste verán en España. Coa etiqueta do pop lo-fi como afable sambenito, nunca renegan da máxima que coloca a actitude por diante da técnica e andan sempre vacinados contra a moda. Pasan os anos e seguen sendo os mesmos vándalos, só que soando cada vez máis clásicos á vez que atrevidos. 

Fernández e Deus afirman que a presenza de Sr. Chinarro lles provoca especial satisfacción, xa que querían traelos ao festival dende hai tempo. Trátase dun grupo formado en 1990 por Antonio Luque, pioneiro da música alternativa en España e habitualmente considerado un dos mellores letristas do país.

Unha das primeiras confirmacións do festival foi Pablo und Destruktion, unha sorte de crooner visceral que sempre dá no cravo a base de toneladas de intensidade, personalidade e unhas letras que saben buscar o universal no popular, e sacar a beleza da violencia (e a violencia da beleza). Juventud juché naceron a finais do ano 2012 sen ningún tipo de pretensión. Con todo, tres anos despois e tras máis de 200 concertos, xa están a presentar o seu segundo disco, Movementos, e teñen estado en festivais tan prestixiosos como o BBK ou o FIB.

Pechan o programa da noite os galegos Músculo!. Este grupo pontevedrés caracterízase por facer música indie electrónica e Mondosonoro di deles: "Con melodías contundentes, bases rítmicas imparables e unha instrumentación electrónica e clara, Músculo! son probablemente unha das grandes bandas da escena galega". Despois deles Schulz dj seguirá coa música ata que o corpo aguante. 

Todo esto por 15€ con venda anticipada a través de Ticketea.

Festival de día

A música comeza no festival coa sesión vermú con Aries ás 14.00 horas e segue durante toda a tarde ata o comezo do festival de noite

E por se o programa da noite non fose suficiente, durante toda a tarde o Sereas e Piratas agocha música a partir das 14.00 horas, de balde no recinto do festival. A diversión comeza coa sesión vermú con Aries. Logo, quen queiran quedarse a comer poderán facelo coa tradicional paella de todos os anos. A partir das 17.00 horas os máis pequenos e pequenas da casa poden gozar cos obradoiros e actividades que ofrece o PequePop, cita xa ineludible no programa do Sereas e Piratas.

E xa dende as 17.30 horas volven as actuacións, primeiro cos carballeses Night Boys, grupo formado con compoñentes de Aula11 e Arabian Evils; logo, a partir das 20.30 para ver o mellor solpor da praia de Razo acompañados da música de Bifannah. E, entre concerto e concerto, animación musical con Quique Fábrica dj e Chulapos dj toda a tarde.

Deporte

Para rematar a oferta do festival de día e tirarlle todo o partido posible á praia de Razo, haberá un campionato de surf por equipos de tres persoas; a tradicional competición de volei-praia; e unha rampa de skate na que calquera pode participar e dar os seus primeiros pasos neste deporte.

Así que xa sabedes, tanto se queredes gozar coa mellor música pola noite (a partir das 22.00 h.), como se preferides o deporte, como se vos apetece pasar un día distinto en Razo, non podedes faltar o sábado 23 de xullo á vosa cita co Sereas e Piratas.

Ligazóns



Galería

Compartir: