Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os veciños e veciñas de Carballo...

SUPÓN UN INCREMENTO NUN 7 POR CENTO RESPECTO DE 2015

Os veciños e veciñas de Carballo doan 29 toneladas de roupa usada no primeiro semestre de 2016 para darlles un fin social

Mércores 20 de xullo do 2016

Unha das plantas de reciclaxe de Humana

Unha das plantas de reciclaxe de Humana

A organización non gobernamental para o desenvolvemento (ONGD) Humana recolleu durante o primeiro semestre de 2016 un total de 29.352 quilogramos de téxtil usado en Carballo a través dos 12 colectores distribuídos polo municipio. Esta cifra representa un aumento do 7,3 por cento respecto ao mesmo período do ano anterior (27.355 kg). A recollida de téxtil é un servizo gratuíto para o municipio e representa un aforro importante nos gastos de recollida e eliminación de residuos urbanos.

A ONG Humana emprega os recursos obtidos coa reciclaxe da roupa para fins sociais, nomeadamente en África, América Latina e Asia

A reutilización e a reciclaxe de téxtil contribúen á protección do medio ambiente e a reducir a nosa pegada ambiental, outorgando unha segunda vida a unha peza que doutra maneira iría parar ao vertedoiro: cada quilo de roupa que se reutiliza e non é incinerado evita a emisión de 3,169 kg de CO2, segundo datos da Comisión Europea. As 29 toneladas recollidas durante o primeiro semestre en Carballo representan un aforro de 93 toneladas de CO2 á atmosfera, o que representa un alivio para o planeta.

Xestión da roupa

As pezas depositadas nos colectores de Humana teñen dous destinos: unha parte envíase ás plantas de clasificación (en Madrid, Barcelona ou Selecta) e o resto véndese a empresas de reciclaxe. As pezas enviadas ás plantas distribúense da seguinte forma:

  • O 51 por cento da roupa clasificada prepárase para a reutilización; o 13 por cento destínase ás tendas de segunda man que Humana ten en España; e o 38 por cento corresponde a calidade África, xa que é vendida a prezos baixos para xerar recursos para a cooperación ao desenvolvemento.
  • O 36 por cento atópase nun estado que non permite a súa reutilización polo que se vende a empresas de reciclaxe téxtil. 
  • O 5 por cento é destinado a Combustible Derivado de Residuo (CDR) coa axuda de empresas especializadas. 
  • O 8 por cento destínase a tratamento final porque está composto por material que non se pode reutilizar nin reciclar dado o seu estado.

O responsable da área de Recollida de Humana en Galicia, Darío Gómez, agradece "a colaboración cidadá por darlle un fin social á roupa usada, o que posibilita que cada ano aumente o volume de recollida de téxtil no municipio, consciente da importancia de reutilizar e contribuír á sustentabilidade global pola que traballamos, promovendo a economía circular".

Cooperación e desenvolvemento

Todos os recursos xerados coa actividade de recollida e valorización da roupa en España dedícanse á fin social da organización. Grazas a iso, entre 2010 e 2015 destináronse 10,4 millóns de euros a proxectos de educación e agricultura en África, América Latina e Asia.

Ademais, algúns destes proxectos recibiron fondos externos procedentes da Unión Europea ou a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (AECID).

Ligazóns

Compartir: