Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo contará no verán do 2017...

TERÁ UN TOTAL DE 1,7 QUILÓMETROS DE LONXITUDE

Carballo contará no verán do 2017 cunha senda peonil e carril bici para conectar o Parque Empresarial de Bértoa coa capital municipal

Mércores 20 de xullo do 2016

Parque Empresarial de Bértoa

Parque Empresarial de Bértoa

A finais de 2016 comezarán os traballos para crear unha nova senda peonil e carril-bici entre o núcleo de Carballo e o Parque Empresarial de Bértoa, co obxecto de que estea rematada antes do vindeiro verán. Así transcendeu nunha entrevista que mantivo na Coruña o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, e co delegado territorial da Xunta, Diego Calvo. Está previsto incorporar ao proxecto algúns axustes propostos polo Concello carballés, polo que, unha vez modificado a actuación, procederase á licitación das obras, a finais de agosto ou principios de setembro, segundo aseguran dende a Xunta.

O proxecto conta cun orzamento de máis dun millón de euros, do que a administración local deberá achegar un 30 por cento

A nova senda estará situada na estrada que une A Coruña e Cee, a AC-552, cun itinerario peonil e carril bici ao longo de 1,5 quilómetros, que se construirá pola marxe dereita da vía, pola marxe do polígono industrial. Esta actuación, enmarcada na primeira fase do Plan de Sendas de Galicia, contará cun orzamento de máis dun millón de euros, que será financiado nun 70 por cento pola Xunta, mentres que o Concello achegará o 30 por cento restante.

Renovación de servizos de saneamento, electricidade ou gas

O itinerario será de gran amplitude, cun ancho duns 9 metros que posibilitará contar cunha senda peonil, un carril bici e unha zona axardinada perfectamente diferenciados. O proxecto tamén prevé a habilitación de aparcadoiros en todas aquelas zonas onde exista espazo suficiente. Neste proxecto vaise actuar tanto na superficie, construíndo a franxa vexetal, o carril bici e un espazo para o tránsito de peóns; como no que non se ve, coa renovación dos servizos como o saneamento, a electricidade ou o gas.

O obxectivo destes traballos é poñer á disposición dos veciños e veciñas de Carballo un novo itinerario que una o núcleo de poboación coa zona industrial. A nova senda permitira que os traballadores e traballadores do polígono podan desprrazarse diariamente ao seu lugar de traballo -ou ir ata algunha das empresas asentadas no parque empresarial- a pé ou en bici empregando sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe.

Un deseño coa colaboración de Xunta e Concello

O deseño foi traballado por técnicos tanto da Xunta de Galicia como do Concello de Carballo. Ademais, acordouse a sinatura dun protocolo de colaboración entre as dúas administracións coa fin de coordinar as distintas actuacións que se levarán a cabo.

Desde a Xunta procederase á construción da senda e encargaranse da urbanización, do saneamento e da canalización das augas pluviais. Tamén levarán a cabo a instalación de báculos e luminarias LED. Pola súa parte, o Concello de Carballo pon á disposición os terreos necesarios e encargarase da reposición dos servizos de telecomunicacións, gas e electricidade.



Galería

Compartir: