Inicio Carballo ao día Hemeroteca Un total de 140 vivendas deixan de tirar 85...

Un total de 140 vivendas deixan de tirar 85 toneladas de lixo ao ano grazas aos proxectos de compostaxe doméstica de Carballo Limpo

Xoves 21 de xullo do 2016

Compostaxe doméstica

Os veciños e veciñas gaban a calidade do compost

Carballo xa recolle 85 toneladas menos de residuos orgánicos ao ano grazas aos proxectos de compostaxe doméstica postos en marcha no municipio a través de Carballo Limpo coa colaboración conxunta do Concello, da empresa concesionaria da recollida de lixo -Urbaser UTE- e de Sogama. Nestes momentos son un total de 140 fogares os que están a colaborar nesta iniciativa, a maior parte situados no rural, pero tamén moitos na capital municipal e a través do programa Ti tes a chave que se está levando a cabo no Barrio da Milagrosa. Grazas a este proxecto piloto, os veciños e veciñas colaboradores depositan os seus residuos orgánicos nuns colectores especiais pechados con chave e a través de bolsas biodegradables.

As familias que participan na iniciativa están moi satisfeitas tanto pola redución dos residuos como pola produción de compost

Desde a posta en marcha dos proxectos de compostaxe, estase a realizar un exhaustivo seguimento e apoio a todas as familias colaboradoras, as cales realizan un balance moi positivo da iniciativa e declaran estar moi contentas tanto por estar contribuíndo a coidar o medio como polo compost que xa moitas das vivendas levan recollido en varias ocasións, e que, segundo algúns deles afirman “dá unhas leitugas fantásticas”.

Preto de 150 visitas e milleiros de bolsas

No que vai de ano lévanse realizadas cerca de 150 visitas aos composteiros instalados nas vivendas do rural e téñense repartido milleiros de bolsas biodegradables dentro do proxecto Ti tes a chave. Desde o Concello de Carballo estase a facer unha minuciosa análise dos datos aportados de cara a poder tomar decisións de cara ao futuro en todo aquilo que ten que ver coa sustentabilidade dos residuos xerados no Concello.,

O obxectivo para o futuro é o de producir cada vez menos lixo e concienciar aos veciños e veciñas de que cantos máis produtos de proximidade consumamos tamén estamos colaborando á mellora do medio ambiente. Por tanto, as liñas de acción de Carballo Limpo serán as mesmas que veñen sendo nestes últimos anos, coa arela de conseguir que Carballo sexa cada vez un mellor lugar para vivir, máis limpo e máis sustentable.

Desde Carballo Limpo agradecemos de antemán a colaboración da cidadanía chamando ao 981 75 49 17, no web <www.carballolimpo.com> ou no Twitter @CarballoLimpo.

Compartir: