Inicio Carballo ao día Hemeroteca O enxeño, a retranca e a sabedoría...

AS CASETAS ESTARÁN NA PRAZA ATÉ O DOMINGO 24 DE XULLO

O enxeño, a retranca e a sabedoría de Xosé Lois González, O Carrabouxo, serviron para abrir a Praza dos Libros

Xoves 21 de xullo do 2016

Praza dos Libros

Un momento do acto inaugural

Hai xa 25 anos que Carballo celebrou a súa primeira feira do libro, e xa se cumpriron once dende que adoptou o nome de Praza dos Libros para converterse na feira da creatividade cultural de Carballo, transcendendo o seu labor como un espazo de difusión do libro e a lectura para incluír outras formas de expresión cultural como a música, a arte, a fotografía, a gastronomía, a ciencia... Nesta edición número once, o pregoiro foi o ourensán Xosé Lois González, O Carrabouxo, un debuxante que enche cada día as páxinas dos xornais coa súa retranca, o seu humor e tamén a súa sabedoría. Unha sabedoría que se deixou sentir no seu pregón, que espertou risos, sorrisos e mesmo gargalladas entre o público asistente.

O pregón estivo cheo de risos, sorrisos e mesmo gargalladas, e de nomes como Bárcenas ou o Códice Calixtino

Dende Bárcenas até o Códice Calixtino, pasando polas "curas termais", que non son o mesmo que "ter máis curas", con mención especial para o recentemente falecido Agustín Fernández Paz e explicando a orixe do seu alcume, O Carrabouxo, "a perla do carballo", unha "excreción que a árbore crea como defensa" e que fai que o carballo, e, por ende, a vila de Carballo, teñan moita relación co humorista. As súas verbas foron un inmellorable punto de partida para unha Praza dos Libros que comparte "espazo co pan, co molete que nos identifica", en verbas do Alcalde, Evencio Ferrero, e que estará o domingo para servir de agasallo a todas aquelas persoas que compren un libro.

Intenso programa de catro días

O Carrabouxo nun momento do pregón

O Carrabouxo durante o pregón

Co humor comezaron catro días nos que o Xardín Municipal servirá "para escapar do fastío e da rutina", para "soñar e viaxar a través da lectura", segundo o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. A través de numerosas citas que inclúen unha actuación cada día ás 18.30 horas para nenos e nenas; pero que agocha momentos para todos os públicos e para todos os gustos, con presenza de nomes como Beningno Campos, Jorge Mira ou Donato; e con autores e autoras locais como Rosalía Fernández Rial e Xurxo Chapela.

Todo iso e as sete casetas cun 10 por cento de desconto en todos os libros coas librarías Teldy -que acode este ano á Praza por primeira vez-, Brañas Verdes, Trasgo, Roget, Ler, A lus do candil e Couceiro. O horario de apertura é de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas.

Consultade o programa, escollede a vosa cita preferida e non faltedes!

Descargas

Compartir: