Inicio Carballo ao día Hemeroteca Daniel Pérez substituirá a...

SUBE EN 238.000 EUROS O GASTO DE PERSOAL PARA APLICAR A RPT

Daniel Pérez substituirá a Inés Rodríguez no goberno municipal trala renuncia da responsable de Normalización Lingüística e Participación Cidadá

Venres 22 de xullo do 2016

O Alcalde acompañou a Muíño e Pérez na presentación dos asuntos do pleno

O Alcalde acompañou a Muíño e Pérez na presentación dos asuntos do pleno

A Concelleira de Normalización Lingüística e Participación Cidadá, Inés Rodríguez Muíño, formalizará na sesión plenaria ordinaria do mes de xullo a renuncia ao seu cargo e ás súas responsabilidades no grupo de goberno do BNG do Concello de Carballo. O motivo é que Rodríguez Muíño pasará a ocupar o posto de responsable local do BNG carballés, polo que a partir de agora dedicará a maior parte dos seus esforzos a desenvolver tarefas relacionadas coa xestión do partido. A aínda concelleira da corporación manifestou que o seu paso polo Concello foi "unha experiencia que debería vivir todo o mundo" e que resultou "moi bonita e gratificante".

O seu posto será ocupado polo seguinte na listaxe do BNG, Daniel Pérez, que xa fora concelleiro no mandato anterior e que está previsto que se incorpore no pleno ordinario de agosto, sempre que a Xunta Electoral Central axilice os trámites burocráticos. "Aínda non está determinada a área que ocuparei", sinala Pérez, que engade que o mes de agosto é unha época de baixa actividade administrativa, o que lle permitirá tanto a el como ao grupo municipal definir as súas novas responsabilidades e abordar algunha reorganización nas áreas de goberno de seren necesario.

Aplicación dos acordos económicos da RPT

Tres de catro puntos da orde do día refírense á posta ao día dos acordos económicos reflectidos da Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello de Carballo. Así, procederase ao abono das contías pendentes ata completar a totalidade do previsto na RPT para aqueles traballadores e traballadoras que aínda non perciban a totalidade do complemento específico, incluída a aplicación das últimas anualidades pendentes, dos exercicicios 2011 e 2012, e coas correspondentes adecuacións ás modificacións da masa salarial recollidas na normativa básica estatal entre 2010 e 2016.

Os acordos cos traballadores e traballadoras chegan despois de varias xuntanzas da Mesa de Negociación con presenza de sindicatos e grupos políticos

Estes acordos tiveron lugar despois da xuntanza de varias mesas de negociación con representantes de todas as centrais sindicais e de todos os grupos políticos da corporación. Ademais, o punto 3 da orde do día recolle a adecuación da RPT á actual realidade municipal, coa incorporación dos postos de traballo da área de deportes que formaban parte do extinto Padroado Deportivo Municipal e que agora se incorporan ao persoal do Concello, e con dúas pequenas modificacións no que respecta ás orientadoras laborais e no departamento de Servizos Sociais.

O punto catro da orde do día supón a aprobación da transferencia de crédito necesaria para asumir o custo derivado dos acordos da Mesa de negociación en relación á RPT, que supón un importe de 238.209,38 euros. O Alcalde, Evencio Ferrero, sinala que os orzamentos municipais de 2016 xa tiñan prevista a posibilidade de afrontar este gasto no apartado de Outras indemnizacións da administración local, cunha partida de 250.000 euros, que servirá para dar cumprimento ao acordo cos traballadores e traballadoras.

Senda peonil e saneamentos

Fóra da orde do día, o grupo de goberno incluirá na sesión unha proposta de modificación de crédito para asumir a achega municipal que permitirá a creación dunha senda peonil e carril bici para conectar o Parque Empresarial de Bértoa coa capital municipal. Esta semana fíxose público o acordo entre a Administración Local e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda que permitirá a realización do proxecto, que estará listo no ano 2017 e cuxo orzamento supera o millón de euros. A Xunta asumirá o 70 por cento do custo, mentres que o Concello achegará aproximadamente o 30 por cento do importe cun total de de 379.697,55 euros. Máis información sobre a actuación, clicando aquí.

A sesión tamén inclúe a dación de conta dun decreto para a inclusión do proxecto de ampliación da "Rede de sanemanento en Cotote, parroquia de Sofán" no Plan provincial de Medio Ambiente da Deputación, por un importe de 67.750,20 euros. O Concello carballés achegará 20.272,19 euros para poder executar os traballos e o organismo provincial os 47.748,01 restantes.

Informe de morosidade e regra do gasto

Por último, no apartado de seguimento de órganos de goberno, o Concello dá conta do Informe de morosidade relativo ao segundo trimestre de 2016. Segundo os datos achegados polo departamento de servizos económicos, entre abril e xuño o Concello pagou un total de 1.003 facturas por un importe de 2.171.091,77 euros dentro do período legal de prazo; e 252 facturas por 275.051,31 euros fóra do período legal. O coeficiente do período medio de pago da administración local está situado nun 3,76, o que indica que o prazo medio de pago das facturas rexistradas no Concello é de 33,76 días, moi por debaixo dos 60 que esixe a lei.

O prazo medio de pago das facturas rexistradas no Concello é de 33,76 días, moi por debaixo dos 60 que esixe a lei

No que respecta á información remitida ao Ministerio de Facenda en cumprimento da regra do gasto, o Alcalde explica que se está cumprindo cos parámetros esixidos e que o departamento de servizos económicos calcula que a final de ano a capacidade de financiamento da administración local será de 3,5 millóns de euros.

Compartir: