Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Deputación comprométese a apoiar...

O PRESIDENTE PROVINCIAL VISITOU O CONCELLO

A Deputación comprométese a apoiar este ano iniciativas para crear emprego no municipio a través das súas liñas de actuación

Martes 26 de xullo do 2016

Visita de Valentín González Formoso

O Alcalde e o Presidente da Deputación durante a visita ao Fórum Carballo

O Presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, vén de anunciar que o organismo provincial apoiará durante este ano 2016 iniciativas para impulsar a creación de emprego e para dinamizar o Fórum Carballo. Farao a través das liñas de actuación coas que conta a Deputación neste eido, aínda que González Formoso tamén subliña que "o índice de desemprego en Carballo está moi por debaixo do nivel galego" sen chegar ao "dez por cento da poboación". En todo caso, asegura que o desemprego segue a ser "unha prioridade" polo que é necesario seguir traballando e contando con que todo o mundo achegue "o seu gran de area".

O Presidente provincial manifestou estar impresionado coas instalacións do Fórum e cos medios técnicos cos que conta o alumnado

Así o explicou esta mañá durante a súa primeira visita institucional a Carballo na que, ademais de reunirse co Alcalde, Evencio Ferrero, e con outros membros da corporación, e de visitar a Casa do Concello, tamén percorreu as instalacións do Fórum Carballo e do Grupo Calvo. Precisamente o Presidente provincial manifestou estar "impresionado" coas instalacións do Fórum, un complexo "a disposición de todas as administracións"; e tamén cos medios técnicos cos que conta este centro de formación "cun simulador para o alumnado que non existe en todo o norte da Península". Sinalou que o obxectivo da visita foi o de que a Deputación puidese "aprender e botar unha man" e que marcha "coas pilas cargadas".

Melloras en rúas no casco urbano e en vías do rural

O Alcalde, Evencio Ferrero, exerceu de anfitrión durante a visita, e quixo agradecerlle á Deputación "os novos criterios de reparto" do organismo provincial que permiten a posta en marcha de "melloras moi demandadas polos veciños e veciñas". O rexedor espera que Concello e Deputación sigan a traballar con "lealdade institucional" no futuro e que sexa posible "seguir asumindo a creación de infraestruturas e melloras". Para rematar, Ferrero aproveitou para demandarlle á Xunta de Galicia que a estrada provincial DP-1914 a Santiago de Compostela pase a ser de titularidade autonómica, xa que considera que Carballo non debe comunicarse coa capital de Galicia a través dunha vía provincial.

O Alcalde quixo agradecerlle ao organismo provincial a súa colaboración, que permite emprender melloras moi demandadas pola veciñanza

Ante as verbas do Alcalde, González Formoso subliñou o "compromiso" da Deputación co Concello de Carballo, lembrando melloras como a substitución do céspede do Complexo Deportivo As Eiroas; a mellora da accesibilidade en puntos da capital municipal como o Barrio das Flores, a rúa Xúpiter ou o Pazo da Cultura; melloras emprendidas a través do PAI nas rúas Ponte ou Desiderio Varela; ou os investimentos do POS que permitirán mellorar as vías nas parroquias do municipio. Todas elas grazas á achega de fondos provinciais que permiten a mellora dos equipamentos e infraestruturas do municipio e sempre, resalta o Presidente provincial, "co apoio unánime de todos os grupos políticos".

O Presidente da Deputación marchou despois dunha intensa mañá de contactos e visitas e quedando a disposición do Concello de Carballo e de todos os seus veciños e veciñas.



Galería

Compartir: