Inicio Carballo ao día Hemeroteca Inés Rodríguez formalizou a...

LUZ VERDE PARA A APLICACIÓN DOS ACORDOS DA RPT

Inés Rodríguez formalizou a súa renuncia nun pleno que aprobou o crédito necesario para crear unha senda peonil ata o polígono de Bértoa

Mércores 27 de xullo do 2016

Inés Rodríguez Muíño

Inés Rodríguez Muíño (esquerda) momentos antes do seu discurso de despedida

A xa ex concelleira do BNG, Inés Rodríguez Muíño, formalizou na sesión plenaria celebrada o martes 26 de xullo a súa renuncia despois dunha andaina de case tres anos na corporación carballesa. Logo de que os responsables de todos os grupos da corporación lle desexasen sorte na súa nova etapa, nomeadamente os seus compañeiros e compañeiras no goberno, Rodríguez Muíño quixo agradecer coas súas verbas a confianza que depositou nela no seu momento o grupo nacionalista, e tamén o apoio incondicional dos seus familiares e amigos.

Afronta a súa nova etapa política con ilusión, e mirando atrás "moi orgullosa" de ter colaborado "en beneficio do noso pobo e dos nosos veciños e veciñas", sempre loitando por facer de Carballo "un bo lugar para vivir". Rodríguez Muíño asegura que leva a "satisfacción persoal de ter pasado por aquí e facer política dunha forma leal, desinteresada e guiándome polos meus principios", e desexoulle ánimos aos concelleiros e concelleiras da corporación "que día a día dedican os seus esforzos a atender as peticións da veciñanza" e realizando "este labor nada doado e moitas veces pouco agradecido que é a política local". Rematou dicindo: "Hoxe despídome da corporación pero cun ata logo. Seguirei na vida política activamente, e quen sabe se nos volveremos a ver".

Senda peonil e carril bici en Bértoa

Un momento da sesión

Un momento da sesión

Máis aló da renuncia da concelleira, que será reemplazada polo seguinte na listaxe do BNG, Daniel Pérez -concelleiro no mandato anterior e que está previsto que se incorpore no pleno ordinario de agosto- a sesión supuxo a aprobación de varias iniciativas. Entre elas, unha proposta de modificación de crédito para asumir a achega municipal que permitirá a creación dunha senda peonil e carril bici para conectar o Parque Empresarial de Bértoa coa capital municipal. Esta semana fíxose público o acordo entre a Administración Local e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda que permitirá a realización do proxecto, que estará listo no ano 2017 e cuxo orzamento supera o millón de euros. A Xunta asumirá o 70 por cento do custo, mentres que o Concello achegará aproximadamente o 30 por cento do importe cun total de de 379.697,55 euros. O asunto saíu adiante con 17 votos a favor e 3 abstencións de TEGA.

Unánime en cambio foi o acordo para aprobar un decreto da Alcaldía para a inclusión do proxecto de ampliación da "Rede de sanemanento en Cotote, parroquia de Sofán" no Plan provincial de Medio Ambiente da Deputación da Coruña, por un importe total de 67.750,20 euros. O Concello carballés achegará 20.272,19 euros para poder executar os traballos e o organismo provincial os 47.748,01 restantes.

Relación de Postos de Traballo (RPT)

A sesión incluíu tres asuntos relacionados coa Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, e todos eles saíron adiante con idénticas votacións, co apoio dos concelleiros de BNG e PSOE, a abstención do PP e os votos en contra de TEGA. Os acordos permitirán, por un lado, o abono das contías pendentes ata completar a totalidade do previsto na RPT para aqueles traballadores e traballadoras que aínda non perciban a totalidade do complemento específico, incluída a aplicación das últimas anualidades pendentes, dos exercicicios 2011 e 2012, e coas correspondentes adecuacións ás modificacións da masa salarial recollidas na normativa básica estatal entre 2010 e 2016.

Unha partida de 250.000 euros incluída nos Orzamentos de 2016 servirá para dar cumprimento aos acordos da RPT

Por outro, recibiu luz verde a adecuación da RPT á actual realidade municipal, coa incorporación dos postos de traballo da área de deportes que formaban parte do extinto Padroado Deportivo Municipal e que agora se incorporan ao persoal do Concello, e con dúas pequenas modificacións no que respecta ás orientadoras laborais e no departamento de Servizos Sociais. Por último, aprobouse a transferencia de crédito necesaria para asumir o custo derivado dos acordos en relación á RPT, que supón un importe de 238.209,38 euros. Unha partida de 250.000 euros incluída nos Orzamentos de 2016 servirá para dar cumprimento ao acordo cos traballadores e traballadoras.

Outros asuntos

No apartado de mocións o PP presentou polo trámite de urxencia unha proposta para mellorar a situación da costa carballesa. Aínda que foi rexeitada, o goberno municipal anunciou que en 2017 será posible contratar a elaboración de plans sectoriais para Razo e Baldaio, logo da aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

No apartado de seguimento de órganos de goberno, o Concello deu conta do Informe de morosidade relativo ao segundo trimestre de 2016, cun coeficiente de pago de facturas da administración local situado nun 3,76, cun prazo medio de pago das facturas rexistradas 33,76 días, moi por debaixo dos 60 que esixe a lei. No que respecta á información remitida ao Ministerio de Facenda en cumprimento da regra do gasto, neste momento estase cumprindo cos parámetros esixidos.

Compartir: