Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e as Escolas de Verán de...

MÁIS DE CEN NENOS E NENAS PARTICIPAN NO PROXECTO

O Concello e as Escolas de Verán de Balonmán Xiria colaboran para crear un Xardín Comestible, unha iniciativa pioneira na contorna

Xoves 28 de xullo do 2016

Xardín Comestible

O Xardín Comestible está situado no Parque do Chorís

O Concello de Carballo e as Escolas de Verán de Balonmán Xiria están colaborando para sacar adiante a creación dun Xardín Comestible na contorna do Parque do Chorís da capital municipal. Segundo explica o Concelleiro de Obras e Servizos, Luís Lamas, trátase dunha "iniciativa pioneira na contorna" cuxo obxectivo é o de crear un pequeno horto urbano no que cultivar alimentos, non só para que os nenos e nenas se familiaricen co proceso de produción dos froitos da horta, senón tamén para favorecer que toda a cidadanía se achegue á alimentación sa e á produción ecolóxica.

O obxectivo é que os nenos e nenas que participan e toda a cidadanía se familiaricen coa alimentación e cultivo ecolóxicos

Máis de cen rapaces e rapazas das Escolas de Véran Xiria, repartidos en tres quendas, son os que están colaborando na posta en marcha deste Xardín Comestible, no que están plantando repolo, coliflor, cenorias, porro, rabanitos, espinacas, perixel, clavelón ou caléndula. Dende Xiria, José Antonio Rodríguez Fraga sinala que, ademais de actividades deportivas, nas Escolas de Verán tamén se pretende "concienciar sobre a importancia do coidado do medio ambiente" e, este ano a través desta proposta "da importancia da alimentación sa".

Primeiro paso cara a hortos urbanos

Os pequenos bancais que están situados no Parque do Chorís constitúen un primeiro paso cara á posible creación no futuro de hortos urbanos. Mentres duren as Escolas de Verán serán os nenos e nenas os encargados da plantación e cultivo do Xardín Comestible, mais no futuro buscarase a colaboración de entidades como Apem (Asociación Pro Enfermos Mentais), que xa ten colaborado noutros proxectos municipais, como o Horto Infantil Ecolóxico; e tamén do CEIP Fogar, para que os nenos e nenas do centro colaboren no mantemento e na recolleira dos froitos durante o curso. Estas colaboracións non están aínda confirmadas, non obstante, o Concello confía en que o colexio e Apem se sumen a esta iniciativa, como xa teñen feito con outras anteriormente.

En todo caso, este Xardín Comestible é un primeiro chanzo para o desenvolvemento de iniciativas similares, e dende o Concello piden a colaboración de todos os veciños e veciñas, para que respecten este espazo, se interesen polo proxecto e os cultivos saian adiante.

Compartir: