Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT converte aos carballeses e carballesas en...

YLLANA PRESENTARÁ O SEU NOVO ESPECTÁCULO NO FIOT

O FIOT converte aos carballeses e carballesas en protagonistas para celebrar o seu 25 aniversario

Luns 1 de agosto do 2016

Presentación do 25 aniversario do FIOT

A presentación do 25 aniversario do FIOT foi no Casino de Carballo

O festival máis grande da comunidade galega, tanto en número de espectáculos, como en días de programación, corónase co cartel de “cheo” en cada obra que se escenifica nos máis de 5 escenarios nos que se celebran as case 40 actividades cada mes de outubro. Nesta ocasión, e con motivo do seu 25 aniversario, un total de trece protagonistas, veciños e veciñas de Carballo veranse en carteis e en distintos soportes publicitarios celebrando tamén o seu 25 aniversario de vida, de amor, de traballo, de profesión: María Boado, Belén Lendoiro, Romina Leis, Jorge Vázquez, Loli Carracedo, José Alberto Fifo, Juanjo Vales, Loli Pan, Jaime Díaz, Antonio Porteiro, Gonzalo Porteiro, Carmen Castro e as Cantareiras de Verdillo, son os rostros dos carteis de aniversario.

Trece veciños e veciñas de Carballo cumpren 25 anos de vida, de amor, de profesión, de empresa ou mesmo de música co festival

O obxetivo desta campaña é reforzar o vínculo do FIOT coa súa contorna máis cercana, á vez que se crea unha maior proxeción do 25 aniversario do festival compartindo protagonismo con quen tamén celebran este ano algún acontecemento. A campaña arrancou nas redes sociais a través dos perfís en Facebook e Twitter do Festival, en paralelo ás acción na rúa. Poderase ver así mesmo nos medios online e nos locais de hostelería e comercio de Carballo, de aquí a que dé inicio o festival a finais de setembro, que se presume será unha das grandes citas culturais do norte de España. Novos protagonistas, novos patrocinadores e novas actividades coronarán o aniversario do FIOT 2016.

Vídeo commemorativo

Yllana tamén celebra 25 anos co FIOT

Yllana tamén celebra 25 anos co FIOT

Ademais da campaña, tamén se ten realizado un vídeo coa historia do FIOT e a felicitación de numerosos artistas nacionais e internacionais que pasaron polo escenario do Pazo da Cultura de Carballo. Así, Blanca Portillo, Charo López, Juan Diego Boto, Cándido Pazó, Ramón Fonseré, de Els Joglars, Pako Merino da compañía Titzina Teatre, Miguel de Lira, grupo Chévere, Fidel Fernández, compañía Yllana, Íñigo Echebarri, de Ron Lalá, Tatán de Tanxarina títeres, Malena Alterio, entre outros moitos, falan do festival como un referente das artes escénicas en España e da súa capacidade para desenvolver un cartel propio dos grandes. Un festival que acadou que un municipio como Carballo sexa verdadeiro expoñente do impulso cultural dunha disciplina que se presume reservada a grandes cidades.

Por outra parte, Alberto Sueiro, presidente da A.C. Telón e Aparte que xunto co Concello de Carballo organiza o FIOT, anunciou que o programa da 25 edición do festival terá un carácter eminentemente festivo, xa que celebrará o aniversario do festival, polo que a oferta se centrará no humor e na comedia e en convidar a compañías coas que o público do festival ten unha complicidade especial, que marcan a traxectoria do festival, como Yllana que celebra tamén o 25 aniversario da súa creación, e que estreará en Galicia e un espectáculo recopilatorio que se chama Yllana 25.

De novo, a presenza de Yllana

A madrileña Yllana, referente nacional do humor xestual, cumpre tamén 25 anos no 2016, e celébrao con Yllana 25 un repaso sobre o escenario cos mellores momentos da traxectoria da compañía cunha selección dos mellores 25 sketches dos seus espectáculos. Desde a súa primeira visita, en 1997, regresaron a Carballo xa en nove ocasións, cos seus traballos máis importantes. Yllana é unha compañía que xerou un vínculo moi especial co público do FIOT, marco que sempre escollen para presentar os seus espectáculos máis importantes en Galicia. Os espectadores recompensáronos xa en tres ocasións co Premio do Público do festival. Con Yllana 25, faremos realidade o desexo dos numerosos fans de Yllana de gozar nun mesmo espectáculo dos gags que máis nos gustaron.

O 23 de setembro farán o prólogo do programa case cunha estrea nacional. Creatividade, humor negro sen palabras, e un toque gamberro son as marcas que identifican a esta compañía madrileña que fará estoupar a comicidade cun ritmo trepidante. Nestes 24 anos Yllana produciu vinte e cinco espectáculos teatrais que representaron en máis de 2000 ocasións en máis de 30 países e foron vistos por cerca de dous millóns de espectadores. Destacan no extranxeiro tempadas en Nueva York, Montreal, México DF, Roma, Londres ou París e a participación en festivais internacionais de gran prestixio. En España fixo tempadas teatrais en todas as grandes cidades e recibiu multitude de premios, entre os que destacan dous premios Max

Compartir: