Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicado o subministro de materiais de pintura...

LUZ VERDE PARA O EXPEDIENTE DE SERVIZO WIFI

Adxudicado o subministro de materiais de pintura para os programas de arte urbana do Concello de Carballo por un período de tres anos

Luns 1 de agosto do 2016

Rexenera Fest

Obra de Case Maclaim para o Rexenera Fest 2016

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión ordinaria, vén de adxudicar o contrato administrativo de "Subministro de materiais de pintura para os programas de arte urbana do Concello de Carballo" á empresa mercantil Castro Parga SL por un período de tres anos. Encargarase de proporcionar os rodetes, sprays, difusores, brochas e prolongadores necesarios, así como a pintura plástica exterior e a cinta de papel necesaria para o desenvolvemento dos murais no marco dos programas Derrubando Muros con Pintura e Rexenera Fest. O importe máis cuantioso é o relativo aos botes de pintura de 20 litros, de 66,55 euros a unidade; e o menos refírese aos difusores dos sprays, de 30 céntimos cada un.

Fóra da orde do día, no apartado de contratación, tamén se aprobou o expediente para o contrato admimistrativo de "Servizo de WiFi nos edificios do Concello de Carballo". Ten por obxecto o mantemento e actualización dos distintos dispositivos que permiten o acceso WiFi, así como a resolución de incidencias no servizo. O orzamento anual do contrato é de 18.150 euros (IVE incluído), por un período inicial de dous anos, cunha posible prórroga dun ano. Entre os criterios de adxudicación, terase en conta a oferta económica, así como o tempo de resposta do servizo técnico ou a instalación dunha nova rede WiFi para a Biblioteca San Xoán Bautista.

Adhesión ao programa de viviendas baleiras do IGVS

No apartado de convenios a sesión supuxo a aprobación da adhexión a un convenio coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e co Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) para o desenvolvemento do programa de viviendas baleiras no ámbito do Plan galego de rehabilitación, aluguer e mellora do acceso á vivenda 2015-2016. O obxectivo deste programa é o de poñer a disposición dos concellos participantes as vivendas desocupadas que, existindo no ámbito municipal, sexan da súa titularidade, así como tamén daquelas outras das que podan dispoñer libremente do seu uso e das que se teñan habilitación para a súa xestión.

Destinaranse, segundo especifica o acordo, a aquelas unidades familiares ou de convivencia con maior dificultade de acceso á vivenda e, de xeito prioritario, ás afectadas por procedementos de execucións hipotecarias ou por desafiuzamentos por impago da renta de alugueiro da súa vivenda habitual. Tamén, no apartado de convenios, aprobouse un acordo no que se da conta da colaboración da Policía Local de Carballo coa do Concello de Zas para a celebración concentración de motos clásicas no municipio veciño que tivo lugar o 24 de xullo.

Entre os asuntos de trámite, aprobáronse seis licenzas de obra e dúas licenzas de primeira ocupación.

Compartir: