Inicio Carballo ao día Hemeroteca De Vacas enchen de humor e música o...

CONCERTO: VENRES ÁS 22.30 H. NA PRAZA DO CONCELLO

De Vacas enchen de humor e música o Verán Cultural coas súas versións de grandes éxitos do pop

Xoves 4 de agosto do 2016

De Vacas

De Vacas nunha das súas actuacións ao vivo

A programación do Verán Cultural continúa o venres 5 de agosto co concerto do cuarteto musical De Vacas, integrado polas voces de Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero e a guitarra de Guillerme Fernández (guitarrista de grupos ben coñecidos no panorama galego como Berrogüetto ou aCadaCanto). Unha animada cita na que versionarán temas venerados polas masas e maltratados pola historia. Ofrecen un espectáculo fresco e divertido, co que emocionarse e rir a partes iguais a base de orixinais versións de temas marcados polo éxito: dende Beyoncé ata o Gangnam style, pasando por Enrique Iglesias ou Michel Teló.

De Vacas son Inés Salvado, Faia Díaz e Paula Romero na voz e o coñecido guitarrista Guillerme Fernández á guitarra

De Vacas naceron en 2015 coa idea de facer un grupo de versións unicamente de cancións das Spice Girls, das que aseguran que foron un referente da súa infancia. Mais a chegada de Guillerme Fernández fíxoas reflexionar sobre a posibilidade de atreverse con outras cancións e artistas do panorama pop. Á fin, inclúen no seu repertorio cancións en coreano, en romanés, en brasileiro, en galego, en español ou en inglés e as tres vocalistas chámanse entre elas, con mesmo humor que exhiben nas súas versións e enriba do escenario, a Marela, a Pinta e a Morena.

O concerto, de balde a partir das 22.30 horas na Praza do Concello.

Compartir: