Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e a Axencia Galega de Sangue animan...

A UNIDADE MÓBIL ESTARÁ NA PRAZA DE XOVES A SÁBADO

O Concello e a Axencia Galega de Sangue animan á mocidade a doar na campaña que se desenvolve entre o 4 e o 6 de agosto en Carballo

Mércores 3 de agosto do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación da campaña no Concello

A Unidade Móbil do Centro de Transfusión de Galicia (CTG) estará entre o xoves 4 e o sábado 6 de agosto na Praza do Concello e tanto a administración local como a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS, na que está integrada o CTG) queren animar a todos os veciños e veciñas, pero nomeadamente aos máis novos e novas, a que se animen a doar e a axudar coa súa solidariedade a tantas persoas que o necesitan. A demanda de sangue aumenta no verán, especialmente cando, como está ocorrendo este ano, se rexistra un repuntamento no número de accidentes de tráfico.

Carballo rexistrou 1.433 doazóns en 2015 e conta cunha media de 46 doazóns por cada mil habitantes, na media recomendada pola OMS

Marisa López, Directora de ADOS, explica que a idade media de doantes en Galicia está en 46 anos, unha media que cómpre baixar coa colaboración da mocidade. López quixo agradecer a colaboración do Concello, do Grupo Calvo e dos tres institutos do municipio, que axudan sempre nas campañas de doazón, e espera que estes días moitos veciños e veciñas e visitantes se acheguen á Unidade Móbil. Así, aínda que Carballo acadou en 2015 un total de 1.433 doazóns e conta con 46 doazóns por cada 1.000 habitantes ao ano -na media recomendada pola Organización Mundial da Saúde (OMS)- López agarda que a veciñanza axude unha vez máis a garantir o labor dos hospitais galegos, que precisan 10.000 doazóns de sangue ao mes.

Campaña de sensibilización nas praias

Na presentación da campaña tamén estiveron a Alcaldesa accidental, Belén Lendoiro, e o responsable de Protección Civil de Carballo, Javier Souto Facal. Este último explica que o Concello leva varios días colaborando, e continuará facéndoo até o sábado 6 de agosto, cunha campaña informativa nos areais do municipio, non só con megafonía lembrando a presenza da Unidade Móbil, senón tamén co reparto de dípticos e con información específica nos postos de Salvamento e Socorrismo nas praias de Razo, Baldaio e Pedra do Sal. ADOS ten realizado tamén unha campaña específica de buzoneo para informar tamén a todos os doantes rexistrados.

Horario de atención da Unidade Móbil: de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas o xoves e o venres; e de 10.00 a 15.00 horas o sábado

Belén Lendoiro quixo animar a todos os veciños e veciñas a que doen, nomeadamente á xente nova "que adoita ser máis solidaria e comprometida". Para facelo, só teñen que achegarse á Unidade Móbil da Praza do Concello (sempre despois de ter comido algo, xa que non é necesario facer xaxún) en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas o xoves e o venres; e de 10.00 a 15.00 horas o sábado.

Non esquezades que cada Unidade Móbil conta cun médico que revisa a cada un dos doantes e que controla a saúde de todos e todas. Probade: cunha pequena picada podedes salvar unha vida!

Ligazóns

Compartir: