Inicio Carballo ao día Hemeroteca Sesenta persoas desempregadas formaranse nos...

AÍNDA PODEDES ANOTARNOS NO DE INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS

Sesenta persoas desempregadas formaranse nos cursos AFD que se imparten no Fórum Carballo

Luns 8 de agosto do 2016

Curso de administración de servizos de Internet

Curso de administración de servizos de Internet

O Fórum Carballo acollerá este ano un total de catro accións formativas para desempregados (AFD). Sesenta persoas (15 por curso) poderán prepararse para ocupar postos de traballo relacionados coa electricidade, a soldadura e a informática. Todos estes cursos, financiados pola Consellería de Traballo e Benestar, están homologados e inclúen certificados de profesionalidade. A maioría deles xa están en marcha, aínda que até o 1 de setembro non comeza o Curso de montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, de 840 horas e certificado de profesionalidade de nivel 2.

Este ano unha das novidades é o Curso de administración de servizos de Internet, que arrincou a primeiros de agosto

As persoas desempregadas interesadas en participar aínda están a tempo de anotarse na Oficina de Emprego. Hai 15 prazas e, como no resto das accións AFD, os alumnos e alumnas realizarán prácticas non laborais. O curso de instalacións eléctricas capacitará aos asistentes para traballar como instaladores electricistas en xeral e tamén de edificios e vivendas.

Xa en marcha tres accións formativas

Nas últimas semanas puxéronse en marcha o Curso de soldadura con electrodo revestido e TIG, de 640 horas de duración, e o de Operacións auxiliares de montaxe de instalacións electrotécnicas e de telecomunicacións en edificios, de 300 horas. O alumnado que supere o período formativo acadará o certificado de profesionalidade de nivel 1. No primeiro caso os participantes estarán capacitados para traballar como soldadores por arco eléctrico, por resistencia eléctrica, de estruturas metálicas pesadas e de tubería e recipientes de alta presión, así coma de oxicortadores, cortadores de metais de plasma a man ou operadores de proxección térmica. No segundo, a formación capacítaos como axudantes de instaladores, operarios de instalacións eléctricas de baixa tensión ou peóns da industria da produción e a distribución de enerxía.

Este ano unha das novidades é o Curso de administración de servizos de Internet, que arrincou a primeiros de agosto e que leva aparellado un certificado de profesionalidade de nivel 3. Trátase dunha acción formativa de 510 horas que permitirá aos alumnos/as traballar como administradores de servizos de internet e/ou de mensaxería electrónica, administradores de entornos web ou técnicos de sistemas de Internet.

As persoas que precisen información complementaria poden dirixirse ao Fórum Carballo (Praza dos Bombeiros Voluntarios s/n, 15100, Carballo), ou no teléfono 981 709 011 en horario de oficina.

Compartir: