Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 5.000 persoas participaron na...

O 58 POR CENTO DAS OBRAS VENDIDAS, ESCRITAS EN GALEGO

Máis de 5.000 persoas participaron na Praza dos Libros, que consolida a súa presenza no mes de xullo para futuras edicións

Xoves 11 de agosto do 2016

Un libro, un pan

Coa iniciativa Un libro, un pan, o domingo repartíronse arredor de 300 moletes

Máis de 5.000 persoas visitaron entre o 21 e o 24 de xullo a Praza dos Libros de Carballo e máis de 1.300 desas persoas participaron activamente nalgunha das súas actividades, dende o orixinal pregón, até as presentacións de libros, as citas infantís, as sesións vermú ou a iniciativa Un libro, un pan (a proposta con máis participación, co reparto de 300 moletes, xunto coa presentación de Lémbrome de Xurxo Chapela; ou os contacontos e concertos para nenos e nenas).

O libro máis vendido durante a feira cultural foi Lémbrome, do autor carballés Xurxo Chapela

Ademais, as casetas das sete librarías participantes (Brañas Verdes, Couceiro, A Lus do Candil, Ler, Teldy, Roget e Trasgo) rexistraron un incremento nas vendas dun 12 por cento respecto á edición de 2015, un notable aumento que reforza o cambio de ubicación da cita para o mes de xullo.

Case o 60% das vendas: obras en galego

Analizando os datos segundo a lingua dos libros comprados, as cifras reflicten que o 58 por cento das obras vendidas estaban escritas en galego, mentres que o 42 por cento en castelán. Respecto dos libros máis vendidos, encabeza a listaxe Lémbrome de Xurxo Chapela, seguido de Contra-acción de Rosalía Fernández-Rial (os dous autores carballeses), Adagio por outono de Modesto Fraga e Peixes e mariscos de Benigno Campos. O seguinte máis vendido xa foi un libro en castelán, a biografía de Donato escrita por Héctor Pose, que tamén congregou a moitos veciños e veciñas na carpa do Xardín Municipal durante a súa presentación.

En xeral, as librarías valoran o rendemento desta undécima edición da Praza dos Libros, satisfeitos, como mencionabamos anteriormente, co cambio de data, xa que hai que lembrar que a celebración da feira cultural de Carballo en anos anteriores foi no mes de agosto. No global, realizan un balance positivo da Praza dos Libros, agardando xa a celebración da de 2017.



Galería

Compartir: