Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello abre o prazo de inscrición para...

OFÉRTANSE 25 PRAZAS PARA MAIORES DE 18 ANOS

O Concello abre o prazo de inscrición para participar na Aula de Teatro Municipal entre o 29 de agosto e o 7 de setembro

Sábado 13 de agosto do 2016

Aula de Teatro 2015

A Aula de Teatro representou "Sombras na noite" de Woody Allen en 2015

A Concellaría de Cultura do Concello de Carballo convoca un ano máis a Aula de Teatro Municipal dirixida polo actor e director Artur Trillo, sempre co obxectivo de promocionar o teatro como práctica artística, cultural e de lecer, e de difundir e incentivar a creación teatral. Neste novo curso, crearanse diferentes grupos nas actividades formativas e nos proxectos teatrais, que o Concello decidirá xunto co responsable da aula en función das características dos mesmos, polo que o día e os horarios comunicaránse na primeira reunión.

Ofertaranse un total de 25 prazas que están destinadas a maiores de 18 anos. Para a selección de participantes terán prioridade os alumnos e alumnas que participaron na anterior e anteriores edicións, e terase en conta a orde de inscrición. Cos inscritos que non acaden unha praza confeccionarase unha listaxe de agarda para cubrir posibles baixas.

Inscricións no Pazo da Cultura

Nesta edición estableceranse condicións fundamentais para un bo desenvolvemento da Aula, que son a asistencia continuada e a puntualidade dos participantes e, ademais, a participación obrigatoria en dúas actividades de intervención teatral, como mínimo, propostas pola Concellaría de Cultura (Enterro da Sardiña, Programa das letras, actividades de animación infantil, FIOT, etc.) que se prepararán dentro da Aula.

A inscrición poderá realizarse nas oficinas do servizo de Cultura de 10.00 a 14.00 horas entre o 29 de agosto e o 7 de setembro de 2016. Para máis información os interesados e interesadas poden poñerse en contacto co departamento de Cultura no teléfono 981 704 300.

Compartir: