Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo pon á venda 300 vehículos...

O 27 E 28 DE AGOSTO

Carballo pon á venda 300 vehículos no Parque Rego da Balsa nunha nova edición de Berocasión

Domingo 21 de agosto do 2016

Berocasión 2015

Un momento de Berocasión 2015

Carballo acolle o sábado 27 e o domingo 28 de agosto a edición número once de Berocasión, a feira de vehículos de ocasión máis importante de Bergantiños e mesmo da Costa da Morte. Esta edición caracterízase pola presenza dun total de dez concesionarios, máis ca nunca; e pola exposición de arredor de 300 vehículos na contorna do Parque Rego da Balsa. Os concesionarios que participan son: Automóbiles Dimolk-Peugeot, J. Lema, Caeiro Renault, JGCAR, Ricardo Motor Carballo, Vilas Rama Citröen, Miguel, Chacar, Rebalcar e O Largo.

A organización espera superar as cifras rexistradas en 2015 e chegar ao medio centenar de vehículos vendidos

A organización subliña que esperan superar as vendas rexistradas en 2015, en que se venderon 40 vehículos, para chegar ao medio centenar. Ademais, teñen en conta que, aínda que os primeiros contactos teñen lugar durante a feira, moitas das vendas péchanse en días posteriores. Quen se acheguen ao Rego da Balsa este ano poderán atopar vehículos seminovos e quilómetro 0, así como de diferentes gamas, sempre a prezos moi competitivos, con rebaixas que, segundo o tipo de vehículo, oscilan entre os 500 e os 1.000 euros.

Recinto asfaltado este ano

Ademais de todas as novidades respecto ao incremento da participación na feira, o Alcalde, Evencio Ferrero, tamén quixo subliñar que este ano o recinto ten mellorado substancialmente grazas ao asfaltado das áreas de estacionamento que cada ano acollen Berocasión. A mellora non só fai o espazo máis atractivo, senón que incrementa o espazo expositivo. Ferrero amosou a súa satisfacción por colaborar cun sector "que temos que apoiar" e cunha cita que medra cada ano.

En todo caso, a organización subliña o incremento do mercado de vehículos de ocasión nos últimos anos e tamén que Carballo contará só con 100 vehículos menos que unha feira similar celebrada en Santiago de Compostela en maio deste ano. Pasádevos polo Rego da Balsa e botade unha ollada!



Galería

Compartir: