Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo adhírese á bolsa de...

O CONCELLO XA TIÑA EN MARCHA O SEU PROPIO ALUGUER SOCIAL

Carballo adhírese á bolsa de aluguer social do Instituto Galego de Vivenda e Solo destinada a familias con dificultades

Martes 23 de agosto do 2016

Acto de sinatura

Un momento do acto de sinatura na Casa do Concello

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero Rodríguez e a Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, veñen de asinar o convenio de adhesión da administración local ao Programa de Vivendas Baleiras do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS). O Concello completa así a súa propia Bolsa de Aluguer Social, posta en marcha xa no anterior mandato e xestionada polo Departamento de Servizos Sociais Municipal, para axudar a familias pouco favorecidas. O Concello de Carballo, convértese no primeiro Concello da Costa da Morte que se suma a esta iniciativa da Xunta, co que xa son 19 os municipios que forman parte desta proposta.

O obxectivo prioritario desta iniciativa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social

O Concello de Carballo solicitou a súa adhesión a este Programa da Xunta, logo de que o 3 de maio se asinara coa FEGAMP (Federación Galega de Municipios e Provincias) o convenio para o seu desenvolvemento. O obxectivo prioritario desta iniciativa é crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando os inmobles de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando, para isto, coa colaboración das administracións locais. Este convenio fixa un prezo máximo da renda do aluguer de 300 €–, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

O aluguer conta cun seguro de garantía

Con este acordo búscase que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario, así as vivendas que se incorporan a este programa estarán dobremente aseguradas pola Xunta, xa que se financia: un seguro multirrisco do fogar e un seguro de garantía de cobro da renda, con asistencia e defensa xurídica, para dar seguridade e tranquilidade aos arrendatarios.

Estes seguros ofrecen garantías e blindan ao propietario, xa que este ve como o piso que cede en alugueiro para axudar ás familias está totalmente asegurado e tamén se evitan problemas como os que teñen trasladado distintos colectivos sociais, polas dificultades de atopar propietarios dispostos a alugar un piso a familias en dificultades.

Compartir: