Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello destina máis de 50.000 euros...

ACHEGA PARA CREAR UNHA SENDA PEONIL E CICLISTA EN BÉRTOA

O Concello destina máis de 50.000 euros para axudas de estudos para alumnado de Infantil e do Conservatorio Profesional de Música

Martes 30 de agosto do 2016

Conservatorio Profesional de Música

Actuación de alumnado do Conservatorio (Foto: Casal; La Voz de Carballo)

A Xunta de Goberno Local sacou adiante, nunha sesión ordinaria, entre outros, os seguintes acordos. Así, en primeiro lugar saíron adiante as bases da convocatoria de axudas de estudos para alumnado de segundo ciclo de Educación Infantil e do Conservatorio Profesional de Música de Carballo para o vindeiro curso 2016-2017. O obxecto é axudar ás familias cunhas condicións socioeconómicas máis desfavorables a afrontar os gastos derivados da escolarización das súas fillas e fillos. A cantidade total ascende a 52.500 euros. Para o alumnado de segundo ciclo de Edución Infantil destinarase a cantidade 46.500 euros e para o do Conservatorio será de 6.000 euros.

Luz verde para o protocolo de colaboración para emprender as obras para realizar un itinerario peonil e ciclista na estrada AC-552 Carballo-Coruña

A orde do día tamén incluíu a aprobación do protocolo de colaboración coa Axencia Galega de Infraestruturas para executar as obras necesarias para realizar un itinerario peonil e ciclista na estrada AC-552 Carballo-Coruña no treito Bértoa-Carballo - entre os quilómetros 29+400 e o 30+480. A actuación incluirá a urbanización da superficie do citado treito, a renovación da rede de pluviais, a renovación da rede de saneamentos e a instalación de iluminación pública. O Concello de Carballo achegará aproximadamente un 33 por cento do financiamento total da obra.

Compartir: