Inicio Carballo ao día Hemeroteca Dez nenos e nenas procedentes do Sáhara...

ESTE ANO INCREMENTOUSE O NÚMERO DE ACOLLEMENTOS

Dez nenos e nenas procedentes do Sáhara pasaron o verán en Carballo grazas ao labor de acollida das familias do municipio

Venres 2 de setembro do 2016

Recepción nenos e nenas saharauís

Foto de familia durante a recepción nenos e nenas saharauís no Concello

Un total de dez nenos e nenas procedentes do Sáhara occidental pasaron os meses de xullo e agosto en Carballo con outras tantas familias que decidiron acollelos grazas ao convenio de colaboración entre o Concello e a ONG Solidariedade Galega co pobo saharauí e o programa Vacacións en Paz. Esta iniciativa leva dende o ano 1991 ofrecendo ás familias saharauís a posibilidade de que as súas fillas e os seus fillos gocen dunha estadía agradable, humana e culturalmente rica en Galicia baixo a supervisión e os coidados das familias acolledoras. Carballo leva varios anos participando neste programa, colaborando especialmente co financiamento do traslado dos nenos e nenas dende o Sáhara Occidental ata Galicia, e logo ata as familias na vila.

Os cativos e cativas recibiron un agasallo de despedida despois de ser recibidos no Concello polo Alcalde e a Concelleira de Benestar

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, veñen de recibir aos nenos e nenas e ás súas familias de acollemento na Casa do Concello para desexarlles un feliz regreso á casa. Tanto Ferrero como Ures quixeron subliñar o incremento rexistrado este ano no número de familias colaboradoras, así como o importantísimo labor que realizan, xa que realmente "teñen o mérito" do acollemento ao permitir que os cativos e cativas pasen un verán afastados das temperaturas extremas do Sáhara e das duras condicións dos campamentos nos que viven.

Desexo de que remate o conflito

O Alcalde tamén quixo ter unhas verbas para a situación do Sáhara occidental, "co desexo político de que a xente que alí vive tamén teña dereito a unha vivenda digna" e poda saír dos "campamentos nos que viven dende hai máis de catro décadas". Dende a ONG que xestiona as estadías, tamén quixeron transmitir o seu agradecemento ao Concello pola súa colaboración, e a administración local manifestou a súa intención de seguir colaborando no futuro mentres no Sáhara exista esta difícil situación.

Como despedida, todos os nenos e nenas recibiron un agasallo de parte do Concello para que leven unha lembranza do seu verán en Carballo.

Compartir: