Inicio Carballo ao día Hemeroteca Daniel Pérez toma posesión no pleno...

FESTIVOS LOCAIS PARA 2017: MARTES DE ENTROIDO E SAN XOÁN

Daniel Pérez toma posesión no pleno como concelleiro do goberno para asumir as áreas de Xuventude e Normalización Lingüística

Martes 6 de setembro do 2016

Daniel Pérez prometendo o seu cargo no pleno

Daniel Pérez prometendo o seu cargo no pleno

A corporación carballesa vén de celebrar a sesión plenaria ordinaria do mes de agosto, que tradicionalmente se traslada ao primeiro luns de setembro. A sesión contou tan só con tres puntos na orde do día, entre eles a toma de posesión do Concelleiro do Bloque Nacionalista Galego (BNG) Daniel Pérez López. Despois de prometer o seu cargo ao comezo do pleno en substitución de Ines Rodríguez Muíño, que formalizou a súa renuncia no pleno de xullo, o Alcalde, Evencio Ferrero, anunciou que será o responsable das áreas de Normalización Lingüística e Xuventude.

En 2017 o 25 de xuño cadra en día non laborable e, cando esto ocorre, o segundo festivo local resérvase para o Entroido

A corporación aprobou por unanimidade a designación de dous festivos de carácter retribuído en non recuperable no termo municipal de Carballo para o ano 2017. Está previsto que as datas sexan o martes de Entroido e o 24 de xuño, día de San Xoán, patrón da vila. Esta designación segue o costume de que o martes de Entroido sexa festivo local cando o 25 de xuño cadra en día non laborable, como ocorre en 2017 en que cae en domingo.

Estudo detalle no polígono industrial

Tamén por unanimidade saíu adiante un estudo detalle promovido pola entidade Gallega de Mallas SL para a ordenación de volumes, completar ou reaxustar as rasantes e concretar as condicións da composición da edificación dunha parcela (E1B-E2) situada na rúa Madeira do Parque Empresarial de Bértoa carballés. A resolución deberá presentarse diante da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio para o seu rexistro no Planeamento Urbanístico de Galicia. O acordo tamén deberá ser publicado no DOG (Diario Oficial de Galicia).

Por último, hai que mencionar que o grupo municipal do PP presentou no pleno unha moción polo trámite de urxencia relativa ás obras do Chorís da capital municipal. A proposta superou por unanimidade o trámite de urxencia para poder ser tratada no pleno, aínda que no debate posterior finalmente non foi aprobada.

Compartir: