Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Biblioteca Rego da Balsa abre ao público...

HAI UN ESPAZO ESPECIAL PARA BANDA DESEÑADA

A Biblioteca Rego da Balsa abre ao público o segundo andar das instalacións, duplicando os puntos de lectura dispoñibles

Xoves 8 de setembro do 2016

Os usos do segundo andar concretaranse pouco a pouco

Os usos do segundo andar concretaranse pouco a pouco

Dende hoxe todos os veciños e veciñas teñen á súa disposición o segundo andar da Biblioteca Rego da Balsa con máis estantes con libros ao servizo do público e un espazo destinado específicamente para os mozos e mozas e a banda deseñada. Ademais, duplícanse os puntos de lectura dispoñibles até o de agora -58 hai na planta baixa- para superar o centenar. Nestas primeiras horas de apertura, os usuarios e usuarias van achegándose pouco a pouco á nova área. A idea inicial é a de crear un espazo máis tranquilo, separado da zona infantil e axeitado para o traballo en grupo ou a celebración de obradoiros.

O espazo para banda deseñada reflicte personaxes como Chispa, o can dos Bolechas e protagonista de obras como Os Bolechas en Carballo

O espazo, ademais de con novo mobiliario, conta cun orixinal mural de Lidia Cambón no que se reflicte unha interpretación da banda deseñanda, recollendo cómics tanto de América, como de Asia ou de Europa, e tamén galegos. Ese será o espazo reservado para a mocidade e no que a banda deseñada tamén terá un protagonismo especial. Astérix, Tintín, Superman ou Candy Candy acompañarán aos rapaces e rapazas nas súas lecturas. Mais tamén personaxes galegos como o Chispa, o can dos Bolechas (protagonista, por exemplo, da obra Os Bolechas en Carballo), ou Isolino, protagonista das viñetas diarias de Xaquín Marín.

Horario ininterrompido

Por outra banda, hai que lembrar que dende o mes de setembro as dúas bibliotecas municipais abren en horario ininterrompido. A Biblioteca Rego da Balsa abre de 10.30 a 20.30 horas de luns a venres e o sábados de 10.00 a 13.00 horas, atendendo as demandas de moitos usuarios e usuarias. Súmase así ao horario ininterrompido que dende o ano pasado xa existe na Biblioteca San Xoán Bautista, que abre de 9.00 a 20.00 horas de luns a venres.

A Biblioteca Rego da Balsa comeza así con forza o novo curso e agarda a todos os veciños e veciñas para que sigan medrando cunhas instalacións que tan só están abertas dende outubro de 2014, e que en dous anos xa rexistran o quinto número de empréstitos de Galicia.

Ligazóns

Compartir: