Inicio Carballo ao día Hemeroteca A constitución dos Consellos Parroquiais...

A VECIÑANZA REALIZA UNHA VALORACIÓN MOI POSITIVA DO PROCESO

A constitución dos Consellos Parroquiais viaxará en outubro ás 17 parroquias para acadar a maior participación posible dos veciños e veciñas

Venres 9 de setembro do 2016

Un momento da xuntanza do 8 de setembro

Un momento da xuntanza do 8 de setembro

O Fórum Carballo acolleu o xoves 8 de setembro unha nova xuntanza que supón un paso máis para a constitución dos Consellos Parroquiais, un mecanismo recollido no Regulamento de Participación Cidadá que ten como obxectivo achegar a vida municipal e a xestión de goberno do Concello a toda a cidadanía. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presidiu unha reunión á que asisitiron arredor de 25 persoas das 40 que están anotadas nos grupos impulsores para constituír os consellos, ademais de representantes da empresa encargada de xestionar o proceso.

Todos os veciños e veciñas que teñen participado no proceso até o de agora realizan unha valoración positiva do mesmo

Despois dunha andaina que comezou dando a coñecer o proxecto á veciñanza, que continuou coa recollida de suxestións por parte da cidadanía acerca de como deben ser os consellos e como deben funcionar, logo de realizar un estudo dos recursos e particularidades de cada parroquia e de desenvolver varias sesións formativas sobre os aspectos máis técnicos do funcionamento dos consellos parroquiais, a partir do mes de outubro de 2016 comeza unha nova etapa do proceso.

Constitución dos consellos

Así, como explicou Evencio Ferrero, logo de que remate a campaña electoral para que a vida política non interfira de ningunha forma no proceso, haberá unha reunión en cada unha das 17 parroquias do municipio para comezar a constitución propiamente dita dos Consellos Parroquiais. O obxectivo é crear "uns consellos plurais" que estarán presididos polo Alcalde e que contarán con representación dos grupos políticos municipais, dun veciño ou veciña de cada unha das asociacións da parroquia e os suplentes que se consideren e, por último, de calquera persoa da parroquia que queira participar nos consellos.

Ademais, preténdese recoller todas as ideas e impresións dos veciños e veciñas para poder modificar o Regulamento de Participación Cidadá existente, aprobado en 2006, para mudalo nun documento máis dinámico que axude a facilitar o máis posible o funcionamento dos Consellos Parroquiais. Por iso, o Concello anima a toda a cidadanía a participar nas xuntanzas nas parroquias, ás que se convidará, non só a todas as asociacións existentes, senón tamén de forma nominal a todos os veciños e veciñas a través dunha carta que se remitirá concretando o día e hora das xuntanzas. O obxectivo, incrementar aínda máis a participación rexistrada até o de agora e concretar os equipos de persoas que formarán parte dos consellos.

Avaliación do proceso

Ademais de avanzarlle aos veciños e veciñas presentes os próximos pasos a seguir, a reunión desta semana tamén serviu para realizar unha avaliación do proceso até o de agora. Así, as enquisas realizadas reflicten que o cen por cen dos cidadáns que participaron nas xuntanzas teñen unha resposta positiva e valoran o proceso; e que só dúas persoas teñen dúbidas dobre a viabilidade dos consellos debido a experiencias previas nas parroquias de proxectos que non saíron adiante.

Con estes datos, os grupos impulsores seguirán en outubro traballando para conseguir aínda máis participación.

Compartir: