Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT celebra o seu 25 aniversario con festa e...

ESTE ANO AS ENTRADA PODERÁN MERCARSE EN TICKETEA

O FIOT celebra o seu 25 aniversario con festa e humor e arrinca o 23 de setembro cun prólogo a cargo da compañía madrileña Yllana

Luns 12 de setembro do 2016

Presentación cartaz FIOT 2016

A actriz María Tasende, unha das protagonistas do cartaz, estivo na presentación

A Asociación Cultural Telón e Aparte e o Concello de Carballo, organizadores do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), veñen de presentar a imaxe da 25 edición da cita, na que se transmite o ambiente festivo e cheo de humor co que se quere celebrar este importante aniversario. O presidente da AC Telón e Aparte, Alberto Sueiro, o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, presidiron o acto, no que estiveron acompañados pola actriz carballesa María Tasende, unha das protagonistas da imaxe deste ano e que tamén é un rostro coñecido do panorama televisivo español. Durante a rolda de prensa, Alberto Sueiro explicou o significado da imaxe principal, na que aparecen os actores carballeses María Tasende, Rober Bodegas e Alba Bermúdez.

O cartaz quere sinalar a unha xeración de actores e actrices profesionais que medraron nestes 25 anos xunto co FIOT

“O obxectivo era facer un paralelismo entre as vodas de prata do FIOT e o xurdimento dunha xeración de actores profesionais nestes últimos 25 anos, para o cal decidimos contar con algúns dos artistas carballeses máis coñecidos”, sinalou Sueiro. O presidente de Telón e Aparte salientou que a tarta simboliza non só a celebración por este aniversario, senón tamén unha “referencia indirecta” ao teatro de clown, que tanta presencia ten en cada edición do festival. Sueiro agradeceu a cada un dos actores a súa colaboración e tamén a Juan Gende, o deseñador da imaxe. Pola súa banda, o Alcalde, Evencio Ferrero, puxo en valor o festival como un fito que crea identidade. “O teatro en Carballo é algo máis. Xa é todo un referente en Galicia e comeza a selo en España grazas ao nivel da súa programación e da simpatía e complicidade que ten co público”, afirma o rexedor carballés.

Entradas para Yllana: dende o 16 de setembro

Para esta 25ª edición, o FIOT tamén conta coa participación dunha compañía moi querida polo público carballés, a madrileña Yllana, que desde o ano 1997 actuou en nove ocasións no festival, traendo os seus trepidantes gags, que son un referente do humor xestual dentro e fóra de España. O 23 de setembro Yllana encargarase de abrir o FIOT cun prólogo festivo moi especial, o seu espectáculo Yllana 25, no que recolle os 25 mellores sketches da súa traxectoria e que chegará a Carballo case de estrea, xa que só se representará unha vez antes da súa cita na capital de Bergantiños.

O custo da entrada de Yllana 25 non estará incluída no prezo dos bonos e poderá adquirirse entre o 16 e 22 de setembro a un prezo de 10 euros para o público en xeral e de 5 euros para os socios da A.C. Telón e Aparte. Alberto Sueiro indicou que a próxima semana se presentarán todos os detalles do completo programa do FIOT 2016, que estará cheo de sorpresas.

Novo sistema de televenda de entradas

Outra das novidades da presente edición será o cambio no sistema de televenda de entradas, que se realizará a través da plataforma Ticketea, co obxectivo de potenciar a venda anticipada de entradas e ofrecer un mellor servizo, rebaixar custos para o usuario e potenciar a súa difusión. A compra de entradas poderá facerse a través de múltiples canais: non só na plataforma Ticketea, senón tamén  a través de páxina do festival (www.fiot.gal) e da súa páxina de Facebook.

Os bonos e tickets poderán adquirirse no web do FIOT, no Facebook do festival e a través da plataforma Ticketea

O público en xeral poderá mercar os bonos e as entradas soltas a partir do 21 de setembro, mentres que os socios da AC Telón e Aparte poderán facelo entre o 17 e 20 deste mes por vía telefónica. No caso de acudir directamente á billeteira do Pazo da Cultura, a adquisición de entradas estará dispoñible ata 90 minutos antes do comezo de cada función. Os prezos dos bonos e das entradas serán similares aos do ano pasado.

Ligazóns



Galería

Compartir: