Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta e o Concello asinan o acordo para a...

OCUPARÁ A MARXE DEREITA DA VÍA DURANTE UN QUILÓMETRO

A Xunta e o Concello asinan o acordo para a execución dunha senda peonil e ciclista na AC-552 entre a capital municipal e o polígono de Bértoa

Martes 13 de setembro do 2016

Travesía de Bértoa

Travesía de Bértoa á altura da Igrexa

O Concello de Carballo e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda veñen de asinar un acordo para a execución dunha senda peonil e ciclista na estrada AC-552 entre A Coruña e Cee no treito que une a capital municipal co Parque Empresarial de Bértoa. Tal e como recolle o protocolo, a redacción dos proxectos construtivos está coordinada entre Xunta e Concello, ao igual que a contratación das obras, que está previsto licitar nas próximas semanas co obxectivo de que os traballos estean rematados no vindeiro ano. Este proxecto, enmarcado no Plan de Sendas de Galicia, consta dun orzamento de máis dun millón de euros.

Carballo realiza unha achega de 380.000 euros para a dotación dos servizos urbanos no itinerario, ademais da mellora das redes de telecomunicacións

O Concello de Carballo destinará 380.000 euros (o 30 por cento do custo global) á dotación de servizos urbanos no treito do itinerario peonil e ciclista, acometendo a mellora das redes de telecomunicacións, electricidade e gas. A Xunta destinará a estas actuacións 760.000 euros. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda será a encargada da construción da senda, a urbanización da superficie, a instalación de alumeado e a renovación da drenaxe, das redes pluviais e da rede de saneamento.

Nove metros de ancho

Con estas actuacións, os veciños de Carballo poderán desprazarse diariamente ata o parque empresarial de Bértoa, a pé ou en bici, empregando un itinerario seguro e sostible. Ademais mellóranse os servizos urbanos neste treito de estrada.  Este itinerario vaise construír pola marxe dereita da vía, ao longo de máis de un quilómetro. A súa amplitude, un ancho duns 9 metros, posibilitará contar cunha senda peonil, cun carril bici e cunha franxa axardinada perfectamente diferenciados. Tamén se habilitarán aparcadoiros naquelas zonas nas que se dispoña de espazo suficiente.

Este itinerario entre Carballo e Bértoa está incluído no Plan de Sendas de Galicia que, para a comarca de Bergantiños prevé, nunha primeira fase, a execución de sete sendas e 9 quilómetros. Entre estas, e tamén neste municipio, atópase a senda Carballo- Coristanco, cuxo proxecto está a ultimarse.

Compartir: