Inicio Carballo ao día Hemeroteca A longametraxe "Sicixia", rodada en...

FOI ESCOLLIDA ENTRE 128 OBRAS DE FICCIÓN ESPAÑOLAS

A longametraxe "Sicixia", rodada en parte en Carballo, seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse

Martes 13 de setembro do 2016

Rodaxe de Sicixia na costa carballesa

Rodaxe de "Sicixia" na costa carballesa

A longametraxe Sicixia (Vía Láctea Filmes), dirixida por Ignacio Vilar, (A Esmorga) e rodada en parte en Carballo, vén de ser seleccionada na Sección Oficial do XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia). O filme, concebido para poñer en valor o inigualable patrimonio material e inmaterial da Costa da Morte así coma o Rapa das Bestas de Sabucedo, foi seleccionada entre 128 longametraxes de ficción españolas e competirá con 6 longametraxes na categoría de ficción ante un xurado formado por recoñecidos profesionais do cinema francés.

O filme opta a gañar o Premio á Mellor Longametraxe, así coma Mellor Director, Mellor Guión ou o Premio do Público, entre outros

O filme opta á Violette d'or, Premio á Mellor Longametraxe, así coma aos Premios a Mellor director, Mellor actor/actriz protagonista, Mellor guión, Mellor fotografía, Mellor banda sonora e o Premio do Público. A participación dun filme cen por cen galego neste prestixioso certame supón de antemán un notable recoñecemento ao noso cinema e contribuirá á difusión da nosa lingua e da nosa cultura a través de dúas proxeccións durante o Festival: unha o luns 3 de outubro ás 18.00 h.; e outra o xoves 6 de outubro ás 19.15 h. nunha presentación do filme e coloquio co director, Ignacio Vilar, e o actor protagonista, Monti Castiñeiras.

Estrea en salas o 25 de novembro

Cómpre subliñar que Vía Láctea Filmes participa por segundo ano consecutivo no Festival Cinespaña (algo moi pouco habitual segundo indicaron os organizadores do certame). A Esmorga (Vía Láctea Filmes, TVG, Ed. Galaxia) foi o filme máis laureado na pasada edición (Mellor director, Ignacio Vilar; Mellor actor protagonista ex aequo Karra Elejalde, Miguel de Lira e A. Durán "Morris" e Mellor Fotografía, Diego Romero Suárez-Llanos).

No caso de Sicixia, a estrea en salas será o 25 de novembro de 2016. A película conta a historia de Xiao (Monti Castiñeiras) un enxeñeiro de son. Un novo encargo lévao á Costa da Morte para gravar os sons máis característicos da contorna. Alí coñece a Olalla (Marta Lado), unha guía local que recolle algas no Océano Atlántico. A partir de aí, as súas vidas fuxirán ao seu control coma mareas rexidas por unha lei superior.

Ligazóns

Compartir: