Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de medio centenar de pilotos daranse...

A COMPETICIÓN COMEZA COS ADESTRAMENTOS ÁS 12.00 HORAS

Máis de medio centenar de pilotos daranse cita no 6º Autocross Carballo que terá lugar o 17 de setembro

Mércores 14 de setembro do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación do 6º Autocross Carballo

Máis de medio centenar de pilotos participarán o sábado 17 de setembro no 6º Autocross Carballo, a segunda proba do Campionato Galego de Autocross que se celebra este ano no Circuíto Municipal de Bértoa. Así o explica Juan Puga, da escudaría Máis Motor, organizadora da cita coa colaboración do Concello, que asegura, ademais, que "vai ser unha proba disputada porque o campionato aínda está por decidir". Así, despois de Carballo tan só quedarán as probas de Rianxo e Ourense, mais a de Bértoa é a cita que conta cun maior coeficiente e na que se xogan máis puntos. Tanto o Alcalde, Evencio Ferrero, como o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, esperan que se cumplan as previsións e o sábado faga bo tempo, xa que dende Máis Motor calculan que arredor de 600 persoas poderían achegarse ata o circuíto municipal.

Todas as categorías contan cunha clasificación moi axustada, cos mellores pilotos separados por poucos puntos

No apartado deportivo, os pilotos que ocupan os primeiros lugares da clasificación están todos moi apretados, con poucos puntos de diferenza entre uns e outros. Na categoría de +1.600 cc. Tino Iglesias ten a Miguel Pombo, piloto local, a tan só dous puntos; en -1.600 cc. tamén está nos primeiros postos Tino Iglesias, que compite nas dúas categorías, con Dani Castro, de Máis Motor, pisándolle os talóns; en carcross Quim Chamorro, de Máis Motor, é o primeiro perseguido polo subcamión de España; e en 4x4 Perfecto Calviño e Diego Mantiñán están empatados a puntos. En todas as categorías a emoción está asegurada.

Horarios

Respecto dos horarios para a proba, a cita comeza no Circuíto de Motor de Bértoa a partir das 10.00 horas coas verificacións, mentres que os pilotos saltan á pista ás 12.00 horas cos adestramentos. Xa pola tarde, as semifinais teñen lugar a partir das 15.30 horas, mentres que as finais son a partir das 17.30 horas. A organización anima a todos os afeccionados e afeccionadas a que se despracen ata Bértoa para gozar coas carreiras.

Oprezo da entrada é de 10 euros, mentres que os nenos e nenas teñen acceso gratuíto. Carballo pecha a tempada de motor co Campionato Galego, non faltedes!



Galería

Compartir: