Inicio Carballo ao día Hemeroteca Obradoiros, megalitismo, rutas, instrumentos...

DÉCIMO ANIVERSARIO DE SENDA NOVA DO 22 AO 25 DE SETEMBRO

Obradoiros, megalitismo, rutas, instrumentos tradicionais, música e moita natureza: nos Días de Ecoloxía e Patrimonio "Abrindo camiño"

Xoves 15 de setembro do 2016

Rolda de prensa

Xosé Manuel Menéndez e Marcos Trigo presentaron as xornadas na Biblioteca Rego da Balsa

Senda Nova celebra o seu décimo aniversario, unha década de "traballo cos pequenos e pequenas e cos máis maiores" e para crear "un grupo de traballo fantástico" do que estar "orgullosos". Así o manifestou o Concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo, na presentación do programa de actos que a entidade ten previsto para festexar esta efeméride. Grazas á colaboración do Concello e de moitas outras entidades, a asociación ambiental prepara os Días de Ecoloxía e Patrimonio "Abrindo Camiño", unha cita na que facer reconto de todo o que se ten avanzado na última década, pero tamén unha forma de unir a entidades de Bergantiños e de toda Costa da Morte para seguir afondando no traballo conxunto que o asociacionismo realiza en Carballo e na contorna.

O primeiro andar do Mercado Municipal estará invadido polas actividades das xornadas e por unha exposición sobre a asociación

"Abrindo camiño" terá lugar entre o 22 e o 25 de setembro no primeiro andar do Mercado Municipal. As xornadas abren o outono con obradoiros para nenos e nenas, como un no que aprender a distinguir as pegadas dos animais ou outro sobre instrumentos tradicionais; con faladoiros sobre cultura castrexa ou sobre o espazo natural de Baldaio e ornitoloxía; con actividades artísticas somo o pintado de muros de cartón sobre medio ambiente con Crea Formas; con presentación de actividades como o próximo Outono en Marcha; e con moitas actuacións musicais, para cativos e cativas con "A música das árbores" e para adultos con grupos como Lembranzas de Bergantiños, Druidas da Rolda, Faíscas da Pontraga ou Caneca e Media de Arume de Berdillo.

A importancia do asociacionismo

José Manuel Menéndez, de Senda Nova, quixo subliñar dúas das actividades que terán lugar durante as xornadas. Por un lado, o peso que vai ter nas actividades a potenciación do asociacionismo, cun encontro cunha representación de entidades de Bergantiños e da contorna para buscar novas fórmulas de colaboración e de difundir o traballo realizado, nomeadamente, subliña Menéndez, no caso do medio rural "xa que as entidades son fundamentais na dinamización das parroquias". Por outro, unha exposición permanente no que se recollen os principais obxectivos e labores de Senda Nova, na que haberá un especial espazo para as asociacións, pero tamén para todos os proxectos da entidade.

Todas as actividades son de acceso libre e de balde, incluídos os obradoiros para os máis cativos e cativas

Así, unha sección dedicarase á mocidade e á Escola Ambiental Senda Nova; outra afondará nos "nosos espazos", a contorna de Carballo na que se organizan encontros para coñecer mellor os nosos bosques, os nosos humidais e a natureza que nos rodea; precisamente "sentindo a natureza" é outro dos apartados da mostra, dedicado a actividades de observación da natureza, como a berrea; Senda Nova tampouco esquece o patrimonio inmaterial, e haberá espazo para os xogos tradicionais ou para as nosas lendas e historias do Inverno Ancestral; outro espazo estará dedicado ás rutas de sendeirismo, un dos sinais de identidade da asociación; o voluntariado, que ten dado froitos como o desenvolvemento de proxectos internacionais, tamén conta co seu lugar; e, por último, o xa mencionado espazo reservado para o asociacionismo.

Calquera pode participar en calquera das actividades, que podedes consultar máis abaixo polo miúdo no cartaz anunciador da cita, xa que son de acceso libre. Así que, a vivir a ecoloxía e o patrimonio con Senda Nova!

Ligazóns



Galería

Compartir: