Inicio Carballo ao día Hemeroteca O FIOT celebra ao grande a súa 25ª...

O FESTIVAL VOLVE Á COPRODUCIÓN CON CÁNDIDO PAZÓ

O FIOT celebra ao grande a súa 25ª edición con 34 espectáculos, coa comedia como protagonista e con catro estreas

Luns 19 de setembro do 2016

Rolda de prensa

A presentación estivo animada pola Aula de Teatro Municipal

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo presenta o programa da súa 25ª edición, na que se inclúen un total de 34 espectáculos, entre os que hai catro estreas absolutas e oito estreas en Galicia na programación de sala, no OTNI e na Rúa dos Contos. Para celebrar as súas vodas de prata, o FIOT conta coa participación de compañías teatrais que marcaron a traxectoria do festival co obxectivo de homenaxear ao público, como así relatou o presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, durante a presentación do programa.

A compañía madrileña de humor xestual Yllana abre o festival con Yllana 25, un prólogo festivo con que recollen a súa traxectoria

Deste xeito, o aperitivo corre a conta da compañía madrileña Yllana, que desde o ano 1997 actuou en nove ocasións no festival, traendo os seus trepidantes gags, que son un referente do humor xestual dentro e fóra de España. O 23 de setembro tamén conmemoran na capital de Bergantiños o seu 25 aniversario, abrindo o FIOT cun prólogo festivo moi especial, o seu espectáculo Yllana 25, no que recollen os 25 mellores sketches da súa traxectoria e que chegará a Carballo case de estrea, xa que só se representará unha vez antes da súa cita na capital de Bergantiños.

Estrea do festival: O Tolleito de Inishmaan

Dentro da programación de sala, un dos pratos fortes é a estrea absoluta, o 14 de outubro, de "O Tolleito de Inishmaan", un moderno clásico universal, de gran éxito en todo o mundo, agora dirixido e adaptado polo Xograr do Outono Cándido Pazó e interpretado pola Xograr de Outono da edición de 2015, Susana" Dans. A obra está coproducida polo FIOT. Entre as estreas absolutas tamén destaca na Rúa dos Contos Dous homes e un vespino". Despois de facer rir a media Galicia, os populares cómicos Xosé Touriñán e Pepo Suevos presentan o 15 de outubro o seu novo espectáculo para cumprir co mandamento principal desta edición: divertirse e sacar un sorriso ao público.

O resto de estreas absolutas inclúense na programación da Rúa dos Contos, protagonizada polo Mago Álex co seu espectáculo “De ilusións tamén se vive” (1 de outubro) e Píscore con “Concerto singular” (7 de outubro).

Estreas en Galicia

A presente edición será testemuña de numerosas estreas en Galicia. Ademais do prólogo de Yllana, a compañía valenciana L’Om Imprebís adentrarase na esencia do FIOT cun xogo escénico, de luces e telóns con “La Crazy Class” (16 de outubro). Por primeira vez tamén chega a Galicia a obra “La estupidez” (29 de outubro), da compañía Feelgood Teatro, unha hilarante road-movie interpretada por coñecidos rostros do panamorama televisivo como Fran Perea e Toni Acosta.

Volven todas as actividades paralelas e o Fiotiño, a Rúa dos Contos, ou o ciclo OTNI para as propostas máis alternativas

A sesión dobre do 8 de outubro tamén contará coa estrea en Galicia de “Hey Bro! Hipstershow!”, do célebre comediante Rafael Maza (Fabiolo). A VII edición do ciclo OTNI unha dobre ración de estreas, cos espectáculos “Micro-Shakespeare” (21 de outubro) de Laitrum Teatre e “Penev” (27 de outubro) de La Teta Clava Producciones.

Shakespeare e Cervantes

As estreas en Galicia tamén mergúllanse na celebración do IV Centenario da morte de Cervantes e Shakespeare, que é un dos elementos principais desta 25ª edición. Este é caso da estrea na nosa comunidade de “Sueño de una noche de verano” (22 de outubro), de Metatarso Producciones. As referencias aos mundos de Cervantes, como é o caso de “Rinconete y Cortadillo” (9 de outubro), de Sexpeare Teatro e a “Cervantina” (23 de outubro), versións e diversións sobre textos do autor español da man dunha das compañías máis aclamadas polo público de Carballo, Ron Lalá, que leva a cabo esta produción en coordinación coa Compañía Nacional de Teatro Clásico.

O Fiotiño

Os máis pequenos sempre teñen un oco no festival no marco das actividades do Fiotiño. Volve a “Noite branca no teatro” os días 24 e 25 de setembro. Os nenos poden divertirse mentras aprenden a ser xornalistas no “Pequeperiodistas”, unha actividade na que poderán entrevistar aos actores que veñen ao festival. Unha das novidades é “Time Lapse”, obradoiro para os fioteiros a partir de seis anos no que se realizará unha montaxe audiovisual onde nenos e adultos interactuarán bailando, interpretando e cantando. Na rúa poderase gozar dos espectáculos “Ritmo refugallo” (30 de setembro) do Trío Refugallo e “Tripula” (1 de outubro) dos Farrés Brothers. E, coma sempre, un veterano: o Concurso Escolar de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, que reparte premios por valor de 850 euros.

Xograr de Outono

No seu 25ª aniversario, o FIOT quere entregar o Xograr do Outono a un dos actores que participou na primeira edición do festival e que é unha das figuras que iniciou o teatro alternativo, de compromiso e experimentación en Galicia. Trátase do Premio Nacional de Teatro Miguel de Lira, quen recollerá o seu galardón o 21 de outubro, unha vez que se baixe do escenario despois da representación de “Eroski Paraíso”.

Venda de bonos e entradas

Xosé Regueira, Evencio Ferrero, Jacobo Sutil e Alberto Sueiro sopran as velas do 25 FIOT

Xosé Regueira, Evencio Ferrero, Jacobo Sutil e Alberto Sueiro sopran as velas do 25 FIOT

Os abonos e entradas soltas poderán adquirirse este ano a través da plataforma Ticketea.com, co obxectivo de mellorar o servizo e aforrar custes ao espectador. Tamén se poderán mercar no teléfono 902 044 226, así como na web e na páxina de Facebook do festival. Tamén existe a opción de comprar as entradas os días de representación na billeteira do Mercado Municipal 90 minutos antes do inicio da función.

Como outros anos, para asistir aos espectáculos poden adquirirse os bonos, que custa 75 euros para asistir a todas as representacións do auditorio (70 euros reducida). As entradas soltas varían en función da obra e van dos 7 aos 15 euros. O público en xeral poderá comprar os bonos a partir do 23 de setembro, mentras que os socios da Asociación Cultural Telón e Aparte deberán facelo entre o 19 e o 23 deste mes por vía telefónica. As entradas para os espectáculos da Rúa dos Contos estarán dispoñibles a partir do 23 de setembro nos locais nos que se representarán.

En paralelo, mantéñense outras actividades que xa son un clásico no festival, como a “Escola do espectador” impartida por Camilo Franco, o “Café con” e “Dalle un bocado ao FIOT”.

Novo auditorio

O presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte, Alberto Sueiro, aparte de facer un percorrido polos 25 anos do FIOT e dun amplo recoñecemento das persoas colaboradoras, reflexionou sobre a necesidade de contar cun novo auditorio no que haxa un espazo escénico máis amplo.

O deputado provincial, Xosé Regueira, recolleu o guante de Sueiro e manifestou o ofrecemento da Deputación da Coruña de financiar “o 33%” do investimento necesario. Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, sinalou que xa non é a primeira vez que se considera a construción dun novo auditorio e destacou que o FIOT é un dos “nosos soños compartidos”, que sempre serviu para “aunar esforzos e unir a todos”.

Descargas



Galería

Compartir: