Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello organiza un percorrido veciñal...

MARTES 20 DE SETEMBRO ÁS 11.00 HORAS

O Concello organiza un percorrido veciñal pola vila para sensibilizar das dificultades para desprazarse das persoas con mobilidade e visión reducida

Luns 19 de setembro do 2016

Pequerruta ciclista celebrada o sábado 17 de setembro con Media Ducia

Pequerruta ciclista celebrada o sábado 17 de setembro con Media Ducia

O Concello de Carballo organiza, dentro das citas da I Semana Europea da Mobilidade, un percorrido no que representantes da Asociación Deportiva Un paso máis, Íntegro e a ONCE convidan a todos os veciños e veciñas a participar. A partir das 11.00 horas todas as persoas que o desexen poderán experimentar o que é desprazarse polo centro de Carballo en cadeira de rodas ou cun anteface no que vivan a experiencia de reducir a súa capacidade visual. A saída realizarase dende o Centro de Saúde situado na Avenida do Ambulatorio e o grupo irá avanzando pola rúa Vázquez de Parga cara ao centro carballés.

Convidamos a todos os veciños e veciñas que o desexen a que se animen a vivir a experiencia con Un paso máis, a ONCE e Íntegro

Que non queira incorporarse ás 11.00 horas tamén pode facelo a partir das 12.00 horas na rúa Valle Inclán, cando a actividade centrarase en que todas as persoas participantes podan realizar as súas compras nas tendas da rúa, de novo, tanto en cadeira de rodas como con antefaces, comprobando as dificultades que presentan os establecementos, pero tamén as vantaxes que unha rúa semi peonil e con limitación de velocidade de vehículos ofrece respecto das que non teñen estas características. Ademais de para concienciar aos veciños e veciñas, a cita tamén servirá para que o Concello siga tomando boa nota dos problemas de mobilidade que presenta Carballo e tomar medidas para seguir mellorando no futuro.

Exitosa pequerruta ciclista

Esta actividade forma parte da I Europea Semana da Mobilidade que celebra o Concello de Carballo, unha cita que ten lugar entre o 16 e o 22 de setembro en máis de 2.000 cidades do continente. Entre as actividades programadas, hai que subliñar o éxito tanto da merenda organizada o venres 16 cos nenos e nenas do Camiño Escolar dos CEIP Fogar e Bergantiños, como da Pequerruta ciclista organizada polo Concello e Media Ducia o sábado 17 de setembro, e na que participaron máis dun centenar de persoas.

O programa da I Semana da Mobilidade ten como obxectivo reflexionar sobre todos os aspectos relacionados coa mobilidade, e para iso o Concello conta coa colaboración da Policía Local, pero tamén, e nomeadamente, con asociacións deste ámbito tanto no Concello como na comarca: Un paso máis, Íntegro, a ONCE, o Club Ciclista Monte Neme, a Asociación Deportiva Media Ducia, o Club Ciclista Carballo a un paso e os nenos e nenas e nais e pais do Camiño Escolar ou Pedibús dos CEIP Bergantiños e Fogar.

Descargas

Compartir: