Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello reflexiona sobre Mobilidade e...

O OBXECTIVO É APRENDER PARA MELLORAR NO FUTURO

O Concello reflexiona sobre Mobilidade e barreiras arquitectónicas nun percorrido con Íntegro, a ONCE e Un paso máis

Martes 20 de setembro do 2016

Semana da Mobilidade

Foto de familia antes de comezar o percorrido dende o Centro de Saúde

O Concello e as asociacións Íntegro, Un paso máis e ONCE uníronse na I Semana Europea da Mobilidade de Carballo para reflexionar sobre as barreiras arquitectónicas existentes na capital municipal carballesa e tirar leccións que axuden a mellorar a situación no futuro. Nun percorrido que comezou no Centro de Saúde carballés, preto de 30 persoas, a maioría con mobilidade reducida, experimentaron as dificultades que a rede urbana representa e que en moitas ocasións poden ser insalvables. Ramplas que respectan a normativa pero que igualmente presentan dificultades, beirarrúas con bordillos demasiado elevados, pasos de peóns que non están en liña coas ramplas e, sobre todo, moitos puntos nos que non existe rampla algunha, son algúns dos obstáculos que tiveron que superar os participantes na súa andaina cara ao centro da vila.

Milagros Lantes e Marcos Trigo experimentaron de primeira man o que é tentar desprazarse en cadeira de rodas ou con visibilidade reducida

Para poder seguir avanzando, as persoas en cadeira de rodas tiveron que recorrer en moitos casos á axuda dalgunha outra persoa, a buscar a rampla dalgún vao permanente para cruzar a vía ou mesmo circular polo medio da calzada, a carón dos vehículos. A Concelleira de Mobilidade, Milagros Lantes, realizou o percorrido xunto con eles e elas para comprobar de primeira man a situación e tamén empregou unhas gafas que reducen a visibilidade e un bastón para comprobar as dificultades que a trama urbana presenta tamén para as persoas cegas. Así mesmo, realizou un percorrido en cadeira de rodas, acompañada do Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo e puido comprobar que desprazarse nela non é tan sinxelo como pode parecer.

Medidas de futuro

Marcos Trigo e Milagros Lantes en cadeira de rodas

Marcos Trigo e Milagros Lantes en cadeira de rodas

Lantes asegura que a experiencia foi "moi educativa" e que o Concello buscará a colaboración e a experiencia das persoas que viven este tipo de situacións cada día para mellorar de cara o futuro, con medidas, ás veces tan sinxelas como facer que as ramplas estean a cota cero, en lugar de cun pequeno desnivel, que para as persoas que non precisan cadeira de rodas é un simple paso pero para quen teñen a mobilidade reducida pode ser un obstáculo importante.

Xa nas rúas Valle Inclán e Colón, así como na Praza do Concello, a situación mellora moito, con calzada e beirarrúas ao mesmo nivel, rúas semipeonís e unha contorna na que os coches teñen menor presenza. En todo caso, Adolfo López Baña, de Íntegro, tamén sinalou que as tendas teñen que tomar conciencia das dificultades, xa que moitas carecen de accesos adaptados. 

A Semana Europea da Mobilidade segue o mércores 21 de setembro cunha xornada de Xogos tradicionais a partir das 17.00 horas na Praza do Concello.



Galería

Compartir: